21/6/13

Toponimia do concello de XOVE

Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello. 
Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia e aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome. 

Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente. 
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo. 
___________________________________________________________

ABELAEDO, O (San Román, Portocelo -lugar de Vilapol)
Sitio onde abundan as abeleiras. 
Existe outro "Abelaedo" no concello do Vicedo.

ABELLEIRA, A (A Rigueira, Xove, Xuances)
ABELLEIRAS, A (Portocelo, Portocelo -lugar de Vilapol)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". 
Portanto, o topónimo indicaría "lugar onde hai colocadas colmeas". 
Nalgúns casos, o lugar estaba cercado, para protexer as colmeas dos animais, e un tanto lonxe da poboación.
 
ABOEIRA, A (O Monte -lugar de Penas Agudas)
Este interesante topónimo, que dá nome a un outeiro, ten unha interpretación controvertida.
Creo que se trata dunha forma "fosilizada" na toponimia das variantes para o nome da árbore 'alnus glutinosa' chamada ameneira/o, amieira/o, amoeira/o e abeneira/o. Semella plausible que, se conviviron as solucións ameneira/amoeira, con mantemento e queda do -n-, non ocorrese o mesmo con abeneira/aboeira.

Vemos ademais que as atestacións medievais apuntan neste sentido: na documentación do mosteiro de Sto. Estevo de Ribas de Sil (Ou), indícanos Moralejo que aparecen para outro topónimo:
      Ferueta que dicent Apanaria ...(ano 921)
      in Ferueda de Abanaria… (ano 1214)

Para esta documentación, Moralejo tamén indica que poderíamos estar fronte a unha variante de abeneiro, ameneiro (cf. J. J. Moralejo, 2010. "Topónimos célticos en Galicia", in Palaeohispanica 10).

Alternativamente, aínda que improbable, podemos pensar que veña dun "A Boeira", coa prótese posterior dun "a". O termo "boeira" ten varias acepcións, unha delas relacionada por A. Moralejo co latín buda ''espadana', de onde derivan tamén termos como "boedo", "lugar onde abundan as espadanas". Outros autores (e.g. E. Rivas, 1995) remontan a unha raíz hidronímica celta   *bed*bud-, á que remontan tamén topónimos como "Bueu", "Boimorto", etc.
Se tivese sido "A Boeira", aínda tampouco se podería descartar totalmente que estivese relacionada con "boi", ou específicamente provir do nome da peza do carro chamada "boeira" ou "cabezalla", que podería encaixar como topónimo indicando a forma do outeiro.

ACAROADA, A (Portocelo)
ACAROADO, A (Xuances -lugar de Toimil)
Posiblemente de "finca acaroada", o (agro) acaroado, aludindo a que son labradaos até os estremos, sen deixar cómaro algún. Cf. DdD.

ACEVEDA, A (Xuances)
Lugar onde abundan os acevos ou acivros.

AGRAMONTE (Xove -lugar de Xove)
Composto de "Agra do Monte". Ver "AGREIRA" para máis detalles sobre as agras.
Alternativamente, podería derivar dalgún nome de orixe xermánica modificado por etimoloxía popular.

AGREIRA, A (Lago -lugar de Vilar)
Derivado de "agra".
Unha "agra" é definida polo dicionario como "finca labrantía de certa extensión e cha, ou conxunto de heredades labrantías, xeralmente de varios donos, cerradas de arredor". Cf. DdD,
O sistema tradicional de parcelamento en agras consistía na división de parcelas agrupadas en bloques ou conxuntos, tendo cada un destes bloques ou "agra"  un peche exterior comunal. Nas agras, as parcelas eran alongadas e delimitadas por marcos.
Xeralmente, as agras pechábanse despois da sementeira e abríanse cando a colleita. Deste modo,  protexíase da entrada do gado e dos consecuentes danos nos cultivos. O peche era por unha cancela. As parcelas tiñan servidume de paso, que permitía sementar por orde.  O peche das agras podía ser temporal mediante acumulación de terróns ou por sebes de ramas entrelazadas de toxo e xestas, ou permanente con muros de pedra (cf. S. Calvo, G. Méndez e R. A. Díaz, 2011.  “Los paisajes culturales de agras en Galicia y su dinámica evolutiva” in "Ager").

AGRELO (Xuances -lugar de Ceranzos)
Diminutivo de "agro".

AGUIEIRA, A (A Rigueira -lugar de Ventoselle, Xuances, Portocelo)
Remite a un lugar frecuentado polas aguias ou onde aniñan. Pode ser que se refira en termos metafóricos, aludindo á situación ou orografía do lugar.

ALBARÁN (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
O nome deste núcleo de poboación ten unha orixe incerta, ao descoñecermos de documentación antiga na que sexa citado.

Podería derivar de * (uilla) Alvarani, dun antigo posesor chamado Alvarus.
No entanto, Bascuas e outros autores relaciónano co tema *albara-, derivado da raíz hidronímica indoeuropea *albh-. Bascuas rexeita que derive de albus, pois nese caso debería ser **albarao, tendo en conta a variante dialectal occidental galega. 
Cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

ALBARIÑA, A (Lago, Sumoas, A Rigueira -lugar da Abelá)
O termo "albariña", diminutivo de "albar", "de cor tirando a branca". Vén do latín albus, neste caso podería provir de "(terra) albariña", definida no dicionario como "terra lixeira e de mala calidade". Cf. DdD.
Gonzalo Navaza considera que pode aludir á "uva albariña" ou tamén a "terra albariña" ("terra esbranquizada").  Alternativamente, de "arboriña" ou tamén, nalgúns casos, como antropónimo (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).
Aínda que improbable, tampouco podemos desbotar totalmente unha relación co tema prerromano *albara-, derivado da raíz hidronímica indoeuropea *albh-, tal como interpreta E. Bascuas para "Albarán".

ALLARES (Xuances -lugar de Illade)
Posiblemente deba ser interpretado como "alleiro", terreo plantado de allos. A existencia do topónimo "Allás" en Valcarría reforzaría esta hipótese.
Alternativamente, podería interpretarse como variante de "anllares", do latín angularis, indicando un punto de unión de dous ríos ou un cóbado do río. 
A interpretación alternativa de "allar/anllar" ("espazo ao pé da lareira onde se garda a leña") que apunta Nicandro Ares, sería un topónimo "anecdótico" que non parece encaixar, máxime coa certa frecuencia en que aparece na topoinimia galega: "Allar" aparece unha vez, no Porto do Son,  e "Allares" aparece en Viveiro, en Xove e en Coirós. Esta frecuencia non se explica para o "lugar ao pé da cociña onde se garda a leña", máxime cando, por exemplo, o termo "lareira" apenas aparece dúas veces na toponimia galega.
Non cremos que derive do patronímico Allarius, postuado por Nicandro Ares (cf. N. Ares,"Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011), todavez que tería que derivar dun caso nominativo latino, extremadamente infrecuente. 

ALMIZOTE (Lago)
Orixe incerta. 
Posiblemente teña unha orixe prerromana, no tema paleoeuropeo (precelta) *alm- estudado por Krahe, con numerosos derivados en toda Europa. Derivaría, por tanto, da raíz indoeuropea *el- 'fluír'. Cf. p. 284 e ss. de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 

AMEIXÓN, O (A Rigueira)
O nome "ameixón" podería estar relacionado  co verbo "ameixoar" ("xuntar as ovellas ou o gado). O feito de se referir neste caso a un monte/outeiro, parece confirmar esta hipótese.
Aínda que improbábel sendo unha pena, tampouco podemos rexeitar a hipótese de, se hai regatos na zona, lugar onde abundaba o "meixón".

AMIDO, O (A Rigueira -lugar da Abelá)
Lugar onde abundan os  ameneiros.

ANCIL (Lago)
O nome deste núcleo de poboación posiblemente derive de *(uilla) Ancilii, dun posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) chamado Ancilus, derivado de Ancus.
Alternativamente, podería derivar dun antropónimo femenino de orixe xermánica, de (uilla) Ansilli.

ANEIROS (Sumoas, Lago)
Por un lado, atopamos no dicionario para "Aneiro" a acepción de "árbore que da froita alternativamente un aio si e outro non" (cf. DdD). De aí podemos interpretar estes topónimos como "(agros) Aneiros": con árbores que dan froito un ano si e outro non, ou por extensión, terreos de colleitas irregulares que uns anos dan boa colleita e outros dana mala. 
No entanto, non semella que encaixen se consideramos a existencia de varios "Anero" en Cantabria e outras zonas onde o dobre "n" do latín produciu "ñ", e por tanto eses "Anero" deberían ser **"Añero". 
Ademais, aínda que os topónimos "Anada",  "Aneiro" veñen recollidos no dicionario con acepcións relativas a "anual", non é o caso doutros como "Anido", para os que xa non encaixa.  Tendo todo o anterior en consideración, cremos razoable pensar na posibilidade dunha orixe pre-latina, formado en base a unha raíz *ann-. Edelmiro Bascuas  ligou ese tema *ann- co radical céltico *an- 'poza, pántano, lama', como o galo anam "poza" ou o topónimo "Guadiana".
Se for este o caso, o sufixo -eiro indicaría abundancial, o mesmo que ocorre no caso de "Anido". Ver "Os Anidos" para máis detalles.

Ademais das hpóteses anteriores, Cabeza Quiles propón (cf. aquí) unha orixe en "ameneiro" > *amneiro> aneiro. Porén, non hai constancia de tal evolución nin de exemplos análogos.

ANIDOS, OS (A Rigueira -lugar de Vila)
O topónimo "Anido" ten unha orixe  na hidronimia prerromana, formado en base a un tema *an(n)-. Este tema  foi estudado por Bascuas (cf. pp. 429-431 de E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses", n. 17), que o vincula co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’, do que deriva o galo anam ‘charco, poza’ ou o topónimo Guadiana (< wadi Ana).

Dada a terminación no sufixo "-ido", abundancial, podería indicar un lugar onde abundan as "pozas", e de feito é o nome dun rego.

Este tema *an(n)- é frecuente na toponimia galega, así Ares(< *an-aris), Ar(< *an-are). É importante notar tamén a existencia do topónimo "Aneiros", que parece confirmar a "anido" como abundancial de "aneiro".  Este abundancial non cremos que sexa de planta, pois -ido non sempre indica abundancial de planta, e.g. "pedrido". 

Cremos que outros topónimos tales como "Anilleiro", "Anilleira", frecuentemente asociados a hidrónimos, teñen  tamén a mesma orixe temática.

"Anido" é un topónimo frecuente en toda a Mariña (Mañón, As Negradas, Cangas, Frexulfe).

ANGÁN (Morás)
O nome "Angán" talvez derive de * (agru/fundu) Ancani, dun posesor chamado Ancanus, derivado de Ancus.

ANTEMIL (Portocelo -lugar de Vilachá)
Probablemente de *(uilla) Andemiri, forma en xenitivo de Andemirus, nome do posesor da uilla 'granxa, casal'. É un nome de orixe xermánica (*anda- 'a través de' e mais -mir 'famoso').

ANSUELA GRANDE, A (Morás)
Orixe e significado incerto. Talvez de etimoloxía relacionada coa illa de "Ansarón".
Non se pode descartar, sen documentación antiga, que corresponda cunha deturpación de "Insuela", "pequena insua" ('illa').  Existe unha "Punta da Ansoela" en Cangas (Pontevedra), unha pequeno cabo en fronte duns pequenos cons.

ARCA, A (Portocelo, Sumoas, Xove)
ARCAS, AS (Portocelo)
Lugar onde houbo/hai unha "arca", xeralmente referindo restos de dolmen (tales como os esteos e a furada), por veces referindo somente un marco divisorio.

AMOÁS, AS (Sumoas)
Derivada da raíz paleoeuropea *am-, frecuente en hidrónimos, cun significado relativo a "suco, canle, cavar". Cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Alternativamente, Pérez Capelo interprétao como derivado da voz latina mŏla ‘pedra do muíño’, indicando a posibilidade de que os topónimos "Moa", "Moá", "Amoá(s)" fosen creados por unha metáfora antropomorfa, nomeando na súa orixe «penedos ou montes con forma de moa dental» (cf. C. Pérez, 2015. "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá"). 
Precisamente ao estar situado nas Sumoas (tamén derivado de mŏla) semella encaixar esta interpretación perfectamente. No entanto, tamén cremos que semella estraña as contrapostas evolucións a partir de "-ola":  para Sumoas en "-oa" e para Amoás en "-oá".

Existe outro "A Amoá" en Cabanas (O Vicedo), así como un "A Amoeira", nas Negradas (O Vicedo).

ARMADA, A (Xove, Xuances, Xuances -lugar de Fontao) 
Unha "armada" refírese a unha trampa para cazar animais.

ÁSPERA, A (Lago)
Alén do posible significado relativo a "terreo áspero", tamén se refire a terreo de  bouza, ou terreo escarpado. Viría de "(terra) áspera", ou incluso do latín "aspera loca". Cf. pp. 306 de A. Moralejo. 1977. "Toponimia gallega y leonesa". 
Falta comprobar se tamén neste caso parece corresponder á acepción rexistrada noutras zonas do norte: un cerro de superficie rochosa (cf. aquí).

ASTURA, A (O Monte -lugar de Loureiro)
A orixe do termo posiblemente estea relacionada co río Astura (antigamente era chamado Estura Estula), que viría do céltico *stour, "río". A mesma raíz aínda se conserva no gaélico  e no bretón como ster stour "río". Na xeografía europea Plinio falaba do río "Stur" na Bretaña, na que ainda actualmente hai tres ríos chamados Stour. Tamén na desembocadura do Elba hai outro río Stör, chamado antigamente Sturia. Igualmente, no Piamonte se ubicaba a tribo celta dos Esturi e un río Stura. 
Higínio Martins relaciona o topónimo con *astura 'nacente'. Cf. aquí.

AUGALEVADA (A Rigueira, Lago, Xove)
Do latín aquam leuatam 'auga levada. O dicionario define a "levada" como "auga encanada, conducida,
 unha canle de auga derivada do río e conducida para os muíños, as presas ou as fontes"Cf. aquí.

AVENTUREIRA (Portocelo -lugar de Vilachá)
Posiblemente de "A voutureira", lugar onde pousan os voutres.

BACELOS (Portocelo -lugar de Vilachá)
O termo "bacelo" 'viña nova', termo común a galego e portugués. 

Temos un topónimo "O Bacelo" en Cervo e "Bacela" en Burela.

Segundo Corominas, provén do latín bacillum ‘bastonciño’, diminutivo de baculum ‘bastón’, ao lembrar os bacelos a forma dun bastón  (cf. Corominas, DCECH, s.v. bacillo). No entanto,  existe tamén a variante "barcelo", e igualmente no castelán de León barcillo, que fan pensar noutra acepción: Sobreira explica bacelo como variante de "barcelo" 'pequena barcia'  "el hoyo o pozo que se hace para plantar una cepa. La cepa nueva así plantada" (cf. DdD J. Sobreira, 1792-1797. "Papeletas de un diccionario gallego").

En efecto, aínda que contrariando a Corominas, semella estraño que coincidise o engadido dese -r- antietimolóxico, en canto que a derivación de barcelo que fai Sobreira non presenta maior problema fonético.

BAEL (Portocelo -lugar de San Cristovo)
De (uilla) Baderii, dun posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) chamado Baderius, nome de orixe latina
Alternativamente, de (uilla) *Badelli, dun posesor chamado  Badellus
Finalmente, a terceira  hipótese sería a dunha orixe en *(uilla) Valerii, dun posesor chamado Valerius, nome de orixe latina. Esta é a máis probable, dado que o nome Valerius si está rexistrado en Galiza noutros casos similares, así como na actualidade en territorios cercanos nos que non se perdeu o "-l-" intervocálico, tal como en Asturias.
De feito, autores como Nicandro Ares, asígnanlle a outros topónimos "Baer" a orixe Valerii, sen se plantexar a segunda alternativa, dada a presencia de múltiples Valeri/Valer e similares. Cf. N. Ares (2011) "Estudos de toponimia galega", Vol I

BALEEIRA, A (Morás)
Lugar onde se achegan ou avistaban as baleas.
A pesca da balea era común no Cantábrico desde antigo. Xa  en 1286 hai documentada actividade baleeira no porto de Prioiro (Ferrol). Bares e San Cibrao  aparecen citados en 1291, e continúan coa actividade baleeira ata o século XVIII. De Burela hai documentos ao respecto de 1527, de Nois e Rinlo no comezo do século XVII, e pouco despois Portocelo e Morás (1635), etc.

Nos primeiros tempos, do século XIII ao XV, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida maiormente por pescadores vascos. Desde a década de 1550, constátase en varios portos, como San Cibrao e Bares, actividade baleeira local. A finais do século XVI, os galegos tiñan desprazado totalmente aos baleeiros vascos.
Cf. aquí.

BALTAR (Sumoas)
Descoñecemos a antigüidade deste topónimo concreto de Xove, pero tratándose dunhas terras e non dunha poboación, podemos pensar simplemente en que estea referido ao apelido Baltar dun posesor que tiveron esta finca/terras. É unha suposición plausible, levando en conta que é un apelido estendido polos concellos costeiros da Mariña Central e Occidental. De feito, o apelido, para a Mariña, tivo a orixe no Vicedo (cf. CAG "Cartografía dos apelidos de Galicia", s.v. BALTAR).

Este apelido tivo, á súa vez orixe nun topónimo Baltar, o cal provén de (uilla) Baltarii, referido a Baltarius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media. 
Como topónimo, é relativamente frecuente en Galiza.

BANZADO (A Rigueira -lugar de San Vicente)
O dicionario inclúe para "banzado" as acepcións de "represa dun río; depósito, natural ou artificial, nun río", e tamén "presa grande", así como "lousa grande" (cf. DdD). Aínda que haxa outras acepcións posibles, as anteriores encaixan totalmente ao tratarse dunha zona de prados.

Etimoloxicamente, é interesante reparar en "banzo", o cal define o dicionario como "chanzo, cada un dos degraus dunha escada" (cf. DdD). Similarmente en portugués: "Cada uma das duas peças paralelas que suportam os degraus duma escada de mão. Cada um dos braços de andor, do esquife, do escano" (cf. Priberam). Vemos por tanto unha semántica que apunta para "varas paralelas". Podemos, xa que logo, pensar que banzado sería nunha orixe un estilo de presa feita de varas, que por extensión tomaría o significado de "balsa, presa no río".

BAÑAL, O (A Rigueira)
A voz "bañal" aparece recollida no galego oriental coa acepción aproximada de "artesa" (cf. DdD). Noutras zonas, aínda que non aparece atestada, remite a unha vagoada que recolle as augas de chuvia, fontes ou rego.
Xa que logo, estes topónimos Bañal, rexistrados en Galiza (e fóra, como "Os Bañals" de Aragón), debe remitir tanto a un lugar en forma de vagoada, no que nalgúns casos podía quedar apozada auga.
O Nomenclator rexistra un "Os Bañás" no veciño S. Román de Vilaestrofe (Cervo).

BARBEITELLO (O Monte -lugar de Penas Agudas)
Diminutivo de "barbeito". O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

BARGO, O (Xuances -lugar de Pereiraboa)
Un "vargo" ou "bargo" é unha laxe ou lousa delgada, por veces usada para separar fincas.
Neste caso reflexaría posiblemente unha finca chousada con bargos.
A orixe de "vargo" é celta, o mesmo que en castelán várgano 'cada uno de los palos o estacas dispuestos para construir una empalizada'. No medieval "Liber Testamentorum" da Catedral de Oviedo menciónase "facere sepes et varganos", onde tamén semella indicar unha clase de valado ou palizada.

BARXA, A (Lago)
Unha "barxa" defínea o dicionario como "barcela",  "terra comunal". Indica tamén a acepción en particular de "lugar próximo a un río que o inunda con frecuencia". Cf. DdD
Tamén nesta zona, por extensión, significa "remanso de río".

Eladio Rodríguez indica tamén o caso de "
Barxa longa", faja de tierras que un río cubre en sus avenidas a uno y otro lado de su cauce, y que se usan con carácter comunal, aun cuando tienen sus dueños. Esos terrenos de propiedad particular se utilizan libremente como pasto común y abierto para toda clase de ganados en ambas orillas, porque el río, con sus crecidas, no permite acotarlos o cerrarlos. Cf. DdD.

Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz estendida no celta. Cf. pp. 154-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

BATÁN, O (A Rigueira -lugar de Cornide, Lago), A Rigueira)
Do latín battere, bater, golpear. 
Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricadas nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo; ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído

BAZALAR, O (Morás -lugar da Aldea de Abaixo)
De "bacelar",  "lugar plantado de bacelos, vides novas", que nalgúns lugares ten tamén a acepción de "casal, granxa".
O termo "bacelo" vén do latín bacillum ‘bastonciño’, diminutivo de baculum ‘bastón’, ao lembrar os bacelos a forma dun bastón.

BECEIRO, O (A Rigueira -lugar de Pradovello)
Seguramente nos remita a un "veceiro", derivado de "vez, rolda", no senso de revezar 'alternar'. Sendo un lugar chamado Pradovello, probablemente aluda a un lugar onde levavan o rabaño de gado de varios veciños, por veces. 
Sendo no lugar de Pradovello, tamén é plausible que o "veceiro" aludise a un turno de regas, alternando segundo os días os prados ou muíños aos que se torna a auga. É unha terminoloxía e un costume que atopamos atestada no norte de Portugal.
Os dicionarios de galego recollen a acepción de persoa que exerce un cargo por vez ou turno, en particular, o veciño que leva, por turnos, os rabaños ao monte (cf. DdD)No galego das Médulas (León) consérvase a voz "viceira" coa acepción de ‘rabaño de gado con reses de diversos vecinos, que é levado ao monte por un pastor por veces (roldas)’.

Tamén se podería referir ao sobrenome ou apelido dun antigo posesor do predio. Está atestado como sobrenome xa na época medieval, así no Tombo de Toxos Outos aparece en 1283: "Petri, dicti Biceyro(cf. P. Martínez Lema e R. Pichel, 2009. "Documentación romance no Tombo de Toxos Outos..."). No entanto, o apelido "Beceiro" soamente ten certa frecuencia na comarca do Ortegal (cf. CAG).

BELLEGAL, O (Morás, Portocelo)
Bellegal ou Vellegal significa algo similar a "fraga", no sentido de terreo pedregoso e abrupto. Cf. DdD

BELTRÁN (Lago)
De *(uilla) Beltrani, dun posesor
 da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) chamado Beltranus.

BERGANZOS
, OS (O Monte -lugar das Cancelas)
Posiblemente de orixe céltica.  J. Moralejo derívao de *brig- ("colina") e mais o sufixo *-antio (cf. J. J. Moralejo, 2010. "Topónimos célticos en Galicia", in Palaeohispanica 10)
Existe tamén o topónimo "O Bergazo" na Rigueira.

BERGAZO, O (A Rigueira -lugar dos Cortellos)
Posiblemente referindo unha "construción feita con varas (trenzadas)", do latín virga. Isto corresponde con termos análogos como "pallaza" para unha construción con tellado de palla, Cortegaza (no Valadouro) "cabana feita de cortiza", e Taboaço ‘(construción) feita con táboas’. Tamén están amplamente atestadas as "casa colmaza" (cuberta con colmo, a palla do centeo, e "casa pallaza" (con palla), tanto en Galiza como en Portugal (e.g. en 1524 "moradas palhaças"). 
Alternativamente, J. J. Moralejo dálle unha posible orixe céltica, en*brig- "colina" e mais o sufixo *-akya, aínda que recoñece que hai outras opcións (cf. J. J. Moralejo, 2010. "Topónimos célticos en Galicia", in Palaeohispanica 10). Na defensa desta hiótese estaría a existencia de "OS BERGANZOS" no lugar das Cancelas, para o que non encaixarían interpretacións como a anterior.

BICHICÁN (Portocelo -lugar de Vilachá)
Orixe incerta. Talvez estemos ante un composto de Busto (corte, estábulo) + <nome de posesor> . O nome do posesor xa resulta máis difícil, como especulación podemos aventurar un (Bustu) Vicani, un "busto" dun posesor chamado Vicanus.

BISADURA, A (A Rigueira)
Grafía alternativa de "Vesadura", e por tanto derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego" (cf. RAG).

BODOEDO (Xove)
O sufixo -eda indícanos que se trata dun termo abundancial, moitas veces referido a abundancia dun tipo de planta ou árbore.
Aínda que Navaza na súa obra de fitotoponimia non inclúe "budual" ou "budueda", si inclúe as formas similares "bodial", "bodiosa" e "budeiro" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).

Tendo en conta que en castelán están atestados bodenal e bodonal como 'xunqueira, terreo enlamado', e sendo bodonal o equivalente etimolóxico deste "budual", parece ser esta a interpretación máis plausible. En efecto, bodenal e bodonal foron analizadas por Corominas, así como as galegas "bodial", "budueda", que terían igual significado, simplemente muda o sufixo abundancial usado. 

Seguindo esta hipótese, queda a pregunta de se a motivación seria referida a unha "xunqueira" ou ben a un "terreo enlamado". A resposta parece dárnola a existencia en castelán/leonés de "bodonal" e similares co significado de  ‘humedal, charca’, cunha presenza en numerosos puntos das provincias de Zamora e Salamanca, "pero no en Castilla" (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas).

Xa que logo, o máis probable é que aluda a "humedal", talvez con abundancia de xuncos, xunza ou similares.

Por outro lado, non podemos descartar que proveña de "bedueda", e por tanto indicaría un lugar onde abundan os bedueiros ou budueiras.

Atopamos tamén "Bodoeda" en Cervo, que tería a mesma orixe, así como un "Budual" en Galdo, probablemente coa mesma orixe tamén, sexa cal for. 

BOQUEIRA, A (A Rigueira -lugar de Veiga)
BOQUEIRA DOS BOIS, A (Morás -lugar do Barreiro)
A "boqueira" é a entrada a unha finca que está cercada. A boqueira costuma estar pechada cunha cancela.

BORDEÓN (Xove)
Podería tratarse do alcume "Bordión" dun antigo posesor. En efecto, segundo o dicionario, "bordión" ten a acepción de "home que frecuenta os bordeles" xa recollida por Cuveiro (cf. DdD). Tamén na mesma liña, o castelán recolle bordiona 'prostituta'. 
Ten unha segunda acepción de "paxaro nocturno", recollida por Constantino González, aínda que esta debe ser derivada da outra e, ademais, encaixa pouco nun topónimo.
O Nomenclator rexistra outro "Burdión" en Nois, que tería a mesma orixe, simplemente distinta grafía.
Aínda que máis improbable por cuestións fonéticas, poderíamos pensar en "Bardión", no mesmo sentido que está recollido en Zamora, como derivado de "barda", 'matorral mullido. Por ejemplo bardión de silvas, es decir un zarzal' (cf. aquí).

BORRA, A (Xuances -lugar de Camba)
Posiblemente co significado de "lugar fondo, coberto de mato".
Este nome é tamén documentado por F. J. Rodríguez (1863): "Diccionario gallego-castellano": En la provincia de Lugo y en Asturias hay lugares con este nombre, que quiere decir entre otras cosas, hondura, hondonada cubierta de jaras, maleza, etc. Cf. DdD.

BORREXO, O (A Rigueira -lugar de Canaledo)
Talvez diminutivo de "borro", "residuo". Cf. DdD.
Alternativamente, pequena morea de herba. Cf. aquí.

BOURÉS, O (A Rigueira -lugar de Canaledo, A Rigueira -lugar de Regosangüento)
Terreo pertencente a un antigo posesor orixinario de Bouro/a. A localización dese "Bouro" non é clara; temos a poboación das Bouroas, en Sta. Cilla do Valadouro (Foz), e máis lonxe existen varios Bouro en Portugal, como as "Terras do Bouro". 

BRIEIRO (Xuances -lugar de Reboredo)
Talvez derivado de "camiño vrieiro", de vrea "vereda", "camiño ancho". Cf. DdD.
Outros autores, como Bascuas e máis recentemente Martínez Lema, lígano cun tema *brī-, relacionado á súa vez coa forma céltica *brei-no- "xunco, espadana" reconstruída como tal por Corominas. Cf. aquí.
Outra etimoloxía é a de F. Villar, que o relaciona co céltico  *briga 'altura', aínda que é rexeitado poderosamente por Bascuas (cf. pp. 423-490 de E. Bascuas, 2001, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses", n. 17)
Cremos descartábel a interpretación que N. Ares asigna a "breeiro" como "o que dá brea ás embarcacións"(cf. "Estudos de toponimia galega". N. Ares, 2011): semella un topónimo improbábel para a frecuencia que tén. Ademais, o termo sería "garafate" (persoa que se encarrega de "garafatear" as embarcacións), en canto que "breeiro" non aparece rexistrado con este significado en ningures.

CABAGOSO, O (O Monte)
Posiblemente de "cavacoso", lugar onde abundan os "cavacos" ("guizos"), moitas veces resultantes da queima do monte para as "rozas".

CABANDELA, A (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
Forma en plural, diminutivo de "cabana", do latín capanna.  Inclúe o diminutivo antigo en -ela, que nos remite á súa antigüidade.
O Nomenclator rexistra outro en Viveiro.

CABO DE VILA (Xuances, Portocelo -lugar de Vilachá)
Lugar situado no "estremo da vila".

CACAREXEIRO, O (Morás)
Lugar onde hai cacareixóns, morangos silvestres.

CACHÓN, O (A Rigueira -lugar de Vilela)
Un "cachón" é sinónimo de fervenza, augas que caen en cascada.

CACHOPA, A (O Monte)
Probablemente "lugar onde se atopaba unha cachopa", posiblemente de carballo. O dicionario define "cachopa" como "toro (tronco) groso e vello, ben aínda en pé ou xa cortado".
Alternativamente, podería referirse a un alcume: tamén se aplica esta palabra, segundo o dicionario, ás amas de casa.
Sendo o topónimo "cachopa"  moi abondante en Galiza, cremos máis probábel a primeira acepción.

CADAVAL, O (Morás, Lago -lugar de Vilar, Morás, Portocelo, Lago)
Lugar onde abundan os cádavos: "toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. DdD.

CADAVIÑO, O (Sumoas -lugar da Aldea de Arriba)
Pequeno cádavo, "toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. DdD.

CADEIRAS, AS (Portocelo -lugar de Vilachá)
Unha cadeira (do latín cathedra) designa un“banco triangular de tres pés, así como a parte do corpo.
Interpretaríase, en toponimia, como unha metáfora oronímica, referida á forma do lugar. 
É relativamente frecuente, así na contorna atopamos "A Cadeira" en San Xusto (Barreiros) e en Mañón.

CAÍNZOS, OS (Sumoas)
Un caínzo é un "tecido de varas", tanto onde se secaban as castañas como o que compuña as tañeiras do carro, etc.
Un "caínzo", en toponimia, refiría por extensión a un "hórreo feito de canas ou vimbes". Tamén podemos pensar nun terreo cerrado de vimbes ou canas, ou incluso nunha cancela feita de tais materiais. 

CALVA, A (A Rigueira, A Rigueira -lugar de Pradovello, O Monte)
Tanto "calvo", "calva" como "calvelo", "calvela" e "calveira" refiren a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.

CALVARIO, O (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo, Portocelo -lugar de Vilachá)
Posiblemente referidos á existencia de tres cruces, ligadas ao culto do Via Crucis.

CALVELAS, AS (A Rigueira, O Monte -lugar de Penas Agudas)
CALVOS, OS (Portocelo -lugar de Vilapol, Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
CALVOSO, O (A Rigueira, Lago)
Tanto "calvo", "calva" como "calvelo", "calvela" e "calvoso" refiren a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva. No momento en que lle foi dado este nome, xa que logo, todos os arredores eran bosque.
O núcleo de poboación d'As Calvelas, en Penas Agudas, aparece xa mencionado en 1456: ".. et Afonso das Caluellas ..".

CALZADA, A (Xuances -lugar de Toimil)
Topónimo transparente, aludindo a un camiño empedrado que pasaría por este lugar.

CAMBA (Xuances, A Rigueira, Xove)
Posiblemente referido á orografía "arqueada" da zona. A palabra "camba" ten varios significados, todos relacionados con "cousa curva":"
Peza curva da roda do carro" e "Val" (cf. dicionario de Cuveiro Piñol, 1876). Existe tamén o verbo "cambar", "arquear, curvar". Cf. DdD.

CÁMBARA (Xuances, Portocelo)
Este topónimo é de orixe prerromana, e inclúe a raíz *camb- "curvo, combo" e o sufixo átono -ara  presente en palabras como gándara, Támara, etc.
Existe o topónimo relacionado "Cambareta" en Ourol.

CAMIÑO DA ATALAIA
Unha "atalaia" é un lugar de vixilancia; neste caso sería para a captura das baleas e similares que se achegaban á costa e ás rías. O apelativo "atalaia" deriva probablemente do árabe a-alā’iʕ "os sentinelas"; temos a voz "atalaieiro" co sentido de "vixilante, outeador de baleas". A este respecto, ver topónimo "A Baleeira".
Hai topónimos "Atalaia" en toda a costa da Mariña: en Bares, Viveiro, Xove, Burela, etc.

CAMIÑO DA BALIEIRA (Morás)
Ver "A Baleeira".

CAMIÑO DO ERVILLEGO (Morás)
O termo "ervillego" estaría relacionado con "ervillaca", planta do xénero Vicia, ou co "ervello" (chícharo). Cf. DdD.

CAMIÑO DOS CORGOS (Morás -lugar do Barreiro)
Os dicionarios rexistran "corgo" con varias acepcións, maiormente como "poza, charca", e nun sentido relacionado "pequenas foxas onde apoza a auga". Tén ademais o significado especializado de "poza onde se curte o liño". Cf. DdD.

Aínda que ten tamén a acepción menos estendida de "corga, corredoira", neste topónimo en plural non encaixa, non ten sentido que haxa un conxunto de corredoiras.

CAMIÑO DOS VISOS (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
Ver "O Viso".

CAMPARELA (Xuances)
Forma en diminutivo de "Campara", non rexistrado nos dicionarios de galego pero si no Nomenclator, "A Campara" en Ponteceso.
Semella plausible interpretar "Campara" como sinónimo de "camparada", participio de "campar" 'sobresaír', da mesma forma que "esfolla" fronte a "esfollada". De feito, hai varios "Camparado" na toponimia galega.
Nesta liña interpretativa, o dicionario de  Eladio Rodríguez recolle para "Caparrón" a acepción de "Extremidad o parte más retirada de un campo" (cf. E. Rodríguez (1958-1961). "Diccionario enciclopédico gallego-castellano").
Podemos tamén interpretalo simplemente como un termo relativo a campo, talvez relacionado con "camparrón" 'campo ou terreo, que se deixou de cultivar e no cal medra a herba espontaneamente.
Por outro lado, poderíse pensar nun antigo diminutivo de **cámpara (que sería diminutivo co sufixo átono de "campa"), pero este nome non o recollen nin a toponimia nin os dicionarios.

CAMPO SUSAO (Xuances -lugar do Cruceiro)
O "Campo de riba". O termo "Susao" ten a orixe no elemento adverbial tardolatino *susum "arriba, no alto", variante da forma clásica sursum "cara a arriba".

CAMPÓN, O (varios)
CAMPÓS, OS (Portocelo -lugar de Vilapol)
Un "campón" designa un prado de secano de moita extensión. Cf. DdD.

CANAVÁS, OS (Morás)
Lugar onde abundan as canaveiras.

CANCELA, A (Morás)
CANCELAS, A (O Monte)
O significado é transparente, unha "cancela", do latín tardío cancella. Na toponimia dá nome a un terreo, curral ou lugar pechado por unha cancela, a cal evitaba o paso do gado e das persoas.
En paralelo á súa vixencia, o apelativo "cancela" cristalizou na toponimia ben cedo. Atopámolo como topónimo, a modo de exemplo, nun documento de 1399:
       " .. outro tarreo que faz na cancela de Goente .."

Eladio Rodríguez, a respecto das cancelas, fai no seu dicionario un comentario etnográfico  indicando a crenza de que antigamente se reunían as almas dos defuntos xunto delas e por iso non se pechan con violencia, para non mancar os espíritos que veñen do máis alá (cf. DdD).

CANDAEDO (O Monte)
CANDAOSA, A (A Rigueira -lugar de Vila)
CANDEAL (O Monte -lugar de Penas Agudas)Os topónimos Candaedo, Candaosa, Candeal, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa son sinónimos que aluden a un garabullallugar onde hai "candos" 'garabullos, guizos'. Cf. aquí. Cf. E. Rivas. 2001.
Un "cando", segundo o dicionario, é un "renovo grande do castaño". Tamén está documentados "toxo albar" e "rebolo albar" (cf. DdD).
Segundo G. Navaza, o termo "cando" en xeral designa "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado", "guizo, chamizo" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia Galega". 2006).
En canto á etimoloxía, é discutíbel, ainda que parece remontar a unha raíz indoeuropea *(s)kand-  'resplandecer, brillar', 'lúa', como no lat. candeo "brillar", "arder" e os seus múltiples derivados, como "acender", "candela", entre outros. Partindo desta raíz postulouse un elemento céltico *kando-, e kandanos, do que derivaría o asturiano cándano e o galego "cando". 

O Nomenclator rexistra en Galiza multitude de topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

CANIDO (Xuances -lugar de Ceranzos)
O mesmo que "canedo", lugar onde abundan as "canas" (canaveiras). 

CANDORCAS, A (A Rigueira -lugar de Vila)
Este topónimo é relativamente frecuente en Galiza. 
O termo "Candorca" probablemente derive de "cand-" + "orca". 
O termo "cando", segundo Navaza, designa en xeral "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").  Abondan, así,  os topónimos "Candaedo" e similares.
Parece derivar dunha raíz indoeuropea *(s)kand-  'resplandecer, brillar',  como no lat. candeo "brillar", "arder". Partindo desta raíz, postulouse un elemento céltico *kando-, e *kándanos, do que derivaría "cando". 

A respecto do elemento -orca, Gª de Diego suxeriu que podía ser un adxectivo ‘cóncavo, profundo’, que ocasionalmente adquiría valor sustantivo ‘cova, sima’. Almeida Fernandes relaciona -orca con ‘dolmen’. 
Cf. aquíCremos que, tendo en conta a súa representacion nos topónimos galegos, como "Pandorca", "Candorca", "Cavorca" (=barranco profundo), "Cañorca", "Lamborca", así como en portugueses como "Palorca", tórnase bastante probable ese significado de "sima, barranco".

En concreto, o topónimo "Candorca" parece confirmar que, na maioría destes topónimos, o primeiro elemento é adxectival, e o apelativo é orca: "cand-" tén sentido como 'brillante', e o feito de ir "-orca" en femenino, parece apuntar a que non é sufixo ou adxectivo, pois nese caso, sendo asociada a "cando", sería candorco.

É importante notar que, con certa seguridade pode descartarse unha orixe no apelativo "candorca" 'orca, cetáceo' e tamén 'muller grosa e suxa': aínda que nun topónimo podería encaixar como alcume, é improbable se temos en conta a relativa frecuencia deste topónimo . Máis improbable aínda unha vez que vemos a frecuencia dos topónimos en -orca/-orco.


CANIVELLA, A (O Monte -lugar de Gondar)
Orixe e significado incertos. 
Talvez composto de "cana vella", no sentido de antiga "canle".
Alternativamente, deturpación de "Canivela", a planta chamada tamén "cana" ou "canaveira" (cf. DdD).
Podería indicar o alcume dunha antiga posesora ("persoa de pernas fracas"). Neste caso, o "ll" sería posiblemente por interferencia do castelán canilla.

CANTIÑO, O (A Rigueira -lugar de Lamas)
Forma en diminutivo de "canto".  O apelativo "canto" tén varias acepcións en galego; a que ao meu ver máis encaixa na toponimia é a de  "recuncho", "lugar apartado", "saliente", "lado".  Isto é particularmente probable en topónimos como  "O Canto do Pazo" (Cervo), "O Canto da Vila" en Silán (Muras), ou "o Canto do Prado" no Burgo (Muras).

Hai quen lle dá a esta acepción de "canto" unha orixe celta, pero iso non é máis que unha posibilidade. Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus 'llanta de metal', que tería unha orixe estranxeira, talvez céltica en relación co antigo bretón cant 'circo, aro'. No entanto, a partir da forma protoindoeuropea *kan-tho 'recuncho, estremo',  está presente en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt 'ángulo' (< protoeslavo kǫtъ), ou o lituano kampas.

Outra acepción que nalgúns casos podería encaixar é a de "pedra, pedra grande non tallada" presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. DdD). Corominas dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii).
O topónimo "Canto" é frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño, Cantón.

CARBALLÁS, OS (Xove)
Un "carballal" remite a un lugar poboado de carballos.
O apelativo "carballo" é de orixe prerromana. O correspondente termo en latín robur non perdurou no galego, excepto na toponimia, na que si se conserva a forma "reboredo", co mesmo significado que "carballeda" e "carballal".

CARCIDES, OS (Portocelo)
Probablemente, variante de "carcedos" (a terminación abundancial -ide é frecuente en Xove, ver as entradas "Porride" ou "Teixide" para máis detalles). De feito, existe un "Carcedo" en Asturias, que parece confirmar esta hipótese. Carcide e Carcedo serían variantes de "carracedo", lugar onde abunda o carrizo (unha planta).
Alternativamente, podería talvez derivar do apelido "Carcide" dun antigo posesor.

CARDIDE (Lago)
Posiblemente o mesmo que "cardal": "sitio onde abundan os cardos." 
O sufixo abundancial en -ide, fronte aos máis comúns -edo e -ido, é frecuente nesta zona, onde atopamos sacide, pedride, etc.

CARNEIRO, O (Xuances -lugar de Prada)
Alén do significado obvio, non se pode descartar a priori que proveña da raíz prerromana *karn-, relacionada con "pedra, rochedo", tal como parece indicar no caso das "Penas do Carneiro" en Mañón. Cf. aquí.
Tampouco podemos descartar un posesor co alcume "Carneiro".

CARRACEDO, O (Xuances, O Monte -lugar de Gondar)
Indica abundancia da planta camada "carrizo". Algunhas veces pode ser relativo a outra planta, o "carrasco".

CARREIRAS, AS (Morás -lugar das Cruces)
O apelativo "carreira", presente no galego desde antigo, indica a presencia de "antigos carrís creados polo paso continuado de carros". Deriva do latín vulgar carraria.

CARRIZAL, O (A Rigueira -lugar de Regosangüento)
Lugar onde abunda o carrizo ou cana silvestre dos pantanos.
É de notar que esta forma "carrizal" é máis moderna que a forma alternativa "carregal". Ou sexa, derivou directamente da forma galega "carrizo", mentres que "carregal" xa procedería directamente da forma latina carricalem, derivada de carex 'carrizo'.

CASAL, O (O Monte -lugar de Soutevello)
CASAL DO OUTEIRO, O (O Monte -lugar de Loureiro)
CASAL DO CONDE, O (O Monte)
O termo "casal" é transparente, e procede do latín casalis. Designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

CASCALLAL, O (A Rigueira -lugar de Cornide)
Lugar onde abunda o "cascabullo", as cascas. Escombreira.

CASILLA, A (Xove)
O nome "casilla",  é un castelanismo por "caseta",  "garita". Este termo foi introducido a partir do século XIX para designar as vivendas destinadas aos camiñeiros, encargados da conservación das estradas.
Construídas en todas as estradas principais, as "casillas" foron postas en funcionamento coa Real Orde de 26 de febreiro de 1852. 
É un topónimo moi estendido en Galiza, e que, en moitos dos casos,  tamén parece indicar a existencia dun dolmen, "forno dos mouros".

CASÓN, O (O Monte -lugar das Hedradas, A Rigueira -lugar dos Cortellos, Xuances, O Monte)
A voz "casón" é o aumentativo de "casa". Posiblemente "casón" deba interpretarse como aludindo a unha "casa grande", no sentido de "casa señorial".

CASTELO (Xuances)
CASTELO, O (A Rigueira, A Rigueira -lugar de Veiga)
Topónimo con orixe na palabra latina castellum ‘forte, reduto’, diminutivo de castrum ‘campamento fortificado’. É un topónimo moi frecuente en Galiza.

A motivación deste topónimo  pode vir  tanto dunha fortificación medieval como por unha aplicación metafórica para nomear un outeiro do terreo, houbese ou non algún tipo de fortificación. Os vestixios de castros prehistóricos tamén reciben este nome, polo xeral ao estaren situados en lugares elevados no terreo, non por unha referencia a unha entidade xeográfica ou étnica dos pobos da Gallaecia durante a administración romana.

CATUXA, A (A Rigueira -lugar de Palmeiro)
Leiras pertencentes a unha persoa chamada Catuxa (hipocorístico de Catarina).

CAXOTAS (A Rigueira -lugar de Vila)
Orixe descoñecida. Posiblemente relacionado con "caxoto", na acepción de "bastón, pau longo" (cf. Frampas), indicando un lugar onde abundan as varas longas.

Alternativamente, derivado do alcume do posesor ("agro do caxotas"). O termo "caxota" significa "folgazanaría, actitude de deixar ao azar". Cf. DdD.

CEAO, O (Portocelo)
Topónimo de orixe prerromana, que significaría "o escuro" ou "o rápido", posibelmente referido a un hidrónimo.
En efecto, os topónimos "Ceao" e "Ciao" foron incluídos polo filólogo E. Bascuas no conxunto de topónimos de orixe paleoeuropea, derivado dunha das raíces indoeuropeas *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *kei- 'moverse'. Cf. p. 264 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.
Bascuas cita un "Montem Zeanum" en 1154, o cal nos permite desbotar outras orixes, tais como nun antropónimo Ocianus ou de Occianus (hipocorístico de Occius), ambos   de orixe céltica, ou tamén deOceanusou Silanus de orixe latina (cf. Kajanto), ou dun *Cilanusantropónimo ligado co pobo dos cileni, do que fala Plinio.
O Nomenclator rexistra "Os Ceás" en Foz, que tería a mesma orixe.

CELEIRIÑO, O (Portocelo -lugar de Vilapol)
Diminutivo de "celeiro", o cal deriva do latín cellarium, e faría referencia a "despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo". Cf. DdD.
Hai outro topónimo "O Celeiriño" en Celeiro (Viveiro).

CEPEIRAS, AS (A Rigueira)
Indica abundancia de cepas de viña ou de cepos de árbores en xeral. 
O topónimos "Cepeira" son recollidos por Navaza no seu estudo de fitotoponimia coa interpretación que indicamos (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).
O máis probable e que se tratase de cepas de viña. De feito, no dicionario de Eladio Rodríguez recolle "cepal" como sinónimo de viña (cf DdD).

CERANZOS (Xuances)
Este topónimo, ten orixe prerromana
, incluíndo o sufixo -nt-, e foi incluído polo filólogo E. Bascuas no conxunto de topónimos de orixe paleoeuropea, cun significado de "escuro", derivado dunha das raíces indoeuropeas *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *ker- 'de cor escura, suxo, gris'. Cf. p. 301 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

CHAO DE COS, O (Morás)
Topónimo transparente: un lugar chao, na costa, enfrente do cal se sitúan varios "cons". Un "con" defíneo o dicionario de X. L. Franco como "penasco, pena grande, polo xeral puntiaguda e escarpada, que se ergue da auga e fica ao  descuberto na baixamar". Cf. DdD.

CHAO DO MILLERIDO, O (Xuances)
Posiblemente de "millarido", lugar onde se planta o millo (posiblemente o "millo miúdo", o que era chamado "millo" antes de ter chegado o millo da América).

CHAO DOS ILLÓS
, O (O Monte)
O seu significado é de "o chao onde hai pequenos mananciais de auga". 
O  termo "illó" é un sitio pequeno onde brota auga, e é pantanoso (cf. DdD).
A orixe é controversa, talvez do latín vulgar *oculiolu, ou  derívano dun termo prerromano, paleoeuropeo (cf. e.g. E. Bascuas).

CHOUSA DO ENCIÑÁN, A (Xuances -lugar da Pena)
Posiblemente "A chousa dunha persoa alcumada "enciñán", pola forma dos seus dentes.  
O termo "enciño" é o mesmo que "angazo". Escribiu Sarmiento "por la similitud del instrumento, dicen en Galicia, del que tiene los dientes largos y ralos, que tiene os dentes de angazo."  

CHOUSA DO OURO, A (Xuances -lugar de Prada)
Lugar situado nunha zona de prados. A frecuencia de "Fonte do Ouro" e "río do Ouro" na toponimia galega fai desbotar en xeral unha referencia ao apelativo "ouro" (do latín aureum 'dourado').
A orixe sería a mesma que a de "Fonte do Ouro", e "Río do Ouro", o cal que está documentado na Idade Media como Aurio, e para o cal tanto Bascuas como outros autores relacionan coa  raíz hidronímica prerromana *awer- 'fluír', termo paleoeuropeo. 

CHOUSA DO TROBO, A (Xuances -lugar de Camba)
O dicionario define "trobo" como "colmea, tronco oco de árbore". Cf. DdD.

CIBADOIRO, O (A Rigueira)
O termo "cibadoiro", igual que "cebadoiro", ten varios significados:
  • lugar onde se garda a cebada.
  • Sitio onde se engorda e se ceban os animais.
  • Sitio no que se acostuma poñer o cebo para para atraer a caza.
Existe outro "Cibadoiro" en Nois.
Para este topónimo aplica a mesma consideración que fai  G. Navaza para "Acibadoiro": descartar a súa relación con "acivo", dada a terminación en -oiro, sufixo que indica "actividade, lugar onde se realiza unha actividade".

COÍDO (Portocelo -lugar de Vilachá)
Un coído é un lugar onde abundan os coios, "pelouros".

COITELO, O (Morás)
Tal vez "Monte escarpado", "coitelo" polo escarpado do monte. 

CONCHEIRO, O (A Rigueira -lugar de San Vicente)
CONCHEIROS, OS (Morás)
Forma derivada de "concha", probablemente indicando abundancial. 
A primeira interpretación sería a de "lugar onde se acumulan as conchas ou cunchas". Hai algúns casos claros como "Praia do Concheiro"  en Baiona.
No entanto, tamén outras veces pode tratarse dun orónimo, referindo á forma de "concha" do terreo.
Alternativamente, Navaza indica que algúns dos topónimos "Concheiro" e similares poderían ser fitotopónimos, dada a acepción de 'noz' para "concho". Xa que logo, "Concheiro" sería sinónimo de "nogaredo", lugar onde abundan as nogueiras. 
Navaza tampouco desbota que algún deles estea relacionado coa "herba concheira" escrophularia nodosa (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
No topónimo que nos ocupa, dada a situación, a máis de 3 km da costa, semella improbable que o topónimo estea relacionado cun abundancial de cunchas, un depósito prehistórico de cunchas mariñas.

"Os Concheiros" en Morás, estánpreto da costa, "O Concheiro" na Rigueira, xa máis lonxe. Temos un "Concholo" en Sumoas, comentado na seguinte entrada.

CONCHOLO, O (Sumoas -Aldea de Abaixo)
Forma en diminutivo, derivada de "concha". Talvez sexa un orónimo, referindo á forma de "concha" do terreo.
Sexa cal for, cremos que está en relación cos topónimos "Os Concheiros", preto da Aldea de Arriba e do Conchero, na Rigueira.
Ver "O Concheiro" para máis detalles.

CONDOMIÑAS, AS (Xove, Portocelo -lugar de Vilachá)
Do latín condominia, terras cuxo dominio é compartido entre varios donos.

CONFORCADAS (A Rigueira -lugar de Canaledo)
Derivado do latín *cum-furcum 'confluencia, galla'. A partícula cum reforzaría o sentido de confluencia.
En concreto, ben pode ser a acepción que se conserva no galego da zona das Médulas (León), no cal a voz "conforcos" indica unha "bifurcación, confluencia entre dous vales" (cf. aquí).

CONGOSTRA (Varias)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de "corgo". 
A palabra vén do latín congusta 'estreita'. CfDdD.

CONGOSTRIÑAS, AS (O Monte)
Ver "Congostra".

CONTARIZ (Lago)
De (uilla) *Conterici, forma en xenitivo de Contericus, nome do antigo posuidor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola)É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade MediaCf. aquí.

CORGAS, AS (Xuances -lugar de Reboredo, Portocelo)
O termo "corga", de orixe prerromana, ten varios significados:
  • Corgo
  • Congostra
  • Prado pequeno e algo en costa.
Cf. DdD.

CORGOS, OS (varios)
Posiblemente "corgo" signifique neste contexto "canos polos que escorre a auga". A palabra "corgo" ten varios significados:
  • represa, natural ou artificial, que recolle augas cando chove. 
  • Cano: canle de distribución destas augas represadas.
  • Corredoira: camiño estreito e profundo que discorre xeralmente entre valos, cómaros ou outras elevacións do terreo.
Cf. RAG.

CORNAS (Morás, Portocelo, Xove)
Posiblemente referido a lugar pedregoso, con orixe na raíz prelatina *kor- 'pedra, altura rochosa'. É un topónimo relativamente frecuente en Galiza.
Así, Cabeza Quiles interpréta os topónimos Corn-, Carn- como de orixe céltica ou precéltica, derivado do tema *kar- 'pedra, zona rochosa' (cf. F. Cabeza, 2014. "A toponimia celta de Galicia"). 
Por outro lado, Navaza, para topónimos similares, apunta a un termo derivado de "corno" nun sentido metafórico orográfico (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

CORNELLA, A (O Monte)
O termo "cornella" ten varias acepcións, sendo as máis probables para un topónimo a de "pardiñeiro" e a de "casa pobre". 
Porén, cremos que neste caso a interpretación máis probable é diferente. En efeito, neste caso, tendo en conta a situación nun monte con penedos (ver Nomenclator), pode ter unha orixe na raíz prelatina *kor- 'pedra, altura rochosa' . 
Outras acepcións de "cornella", como a de sinónimo de "grallo" (paxaro) non parecen ter encaixe nun topónimo.

CORNIDE (A Rigueira)
Un "cornide" ou "cornido", segúndo Sarmiento, derivaría de cornu, e sería un lugar onde abunda a "cerdeira silvestre", con denominación científica Sorbus aucuparia.
No entanto, outros autores poñen en dúbida esta hipótese. Gonzalo Navaza, recoñecendo esta dúbida, apunta a un termo derivado de "corno" nun sentido orográfico (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
É de notar que o sufixo abundancial en -ide, fronte aos máis comúns -edo e -ido, é frecuente nesta zona, onde atopamos sacide, pedride, mexilluíde.

CORTIÑA, A (varias)
CORTIÑAS, AS (varios)
Do latín tardío cohors, ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina, ‘cortiña’ e cohorticulum ‘cortello’. 
As cortiñas son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

COSPEITO (Xuances -lugar de Illade)
De (agru de) Conspectus, terras dun antigo posesor chamado Conspectus.
Tamén pode aludir ao lugar da Terra Chá de orixe do antigo posesor do predio.

COSTELAS, AS (A Rigueira -lugar de Vilela)
O termo "costela" é un antigo diminutivo da palabra costa. Este diminutivo -ela, derivado do latín –ĕlla (feminino de –ĕllu), foi totalmente substituído en galego polo sufixo –iña, comezando xa esta substitución na Idade Media. Polo tanto, estes topónimos deben ter unha orixe medieval ou anterior, sendo en xeral anteriores aos correspondentes "Costiña".

COSTOIRA, A (Lago, Xuances)
O termo "costoira" cremos provén do latín medieval custodiaria 'atalaia', 'posto de observación'. Hai varios topónimos con este nome e tamén como "costoura", da mesma orixe. 
Por outra banda, tamén existen os topónimos "Costoia", que neste caso derivan de custodia.
Para máis detalles, ver o blog A Pena da Cataverna.

COTARRA, A (O Monte -lugar de Gondar)
Derivado de "coto", palabra de raíz prelatina. Posiblemente sexa variante de "cotarro", co significado de  'pequeno coto'. Cf. DdD.

COTO DA CROA, O (O Monte -lugar de Gondar)
O termo "croa" ven de "coroa", cima de monte redondeada, moitas das veces a parte alta dun castro.

COTO DO OURO, O (Xuances -lugar de Prada)
Ver "A Chousa do Ouro".

COUCELO, O (Sumoas -lugar dos Carballás)
Diminutivo de "couce", co antigo sufixo -elo. Couce ten múltiples acepcións; nestes casos viría de calce "calcañar", e designa un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".
Tamén Rivas Quintas indica que o topónimo couce aparece con frecuencia cun sentido topográfico de ‘fondal’, “base de monte” (cf. E. Rivas, "Lingua galega, historia e fenomenoloxía". 1989). 

COVELA, A (A Rigueira -lugar de Labradela)
COVELAS, AS (O Monte -lugar de Gondar)
O termo "covela", orixinariamente derivado como diminutivo de "cova", designa un "pequeno vale cóncavo formado na converxencia de dúas encostas peadas de monte". É, por tanto, un termo similar a "cale" ou "cal".

Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

COVELARES, O (Portocelo -lugar de Vilachá)
Lugar onde hai covelos. Un "covelo" é o diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade" (ver "O Covelo").

COVELO, O (Sumoas -lugar da Aldea de Arriba, A Rigueira -lugar do Pazo)
COVELOS, OS (Lago -lugar de Casas Longas, Xuances, Portocelo)
A voz "covelo" é o diminutivo de "covo", e remite a un "lugar no fondo dunha concavidade".
Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

CUARTOS, OS (Portocelo -lugar de San Cristovo)
Posiblemente referencia a ""cada unha das catro partes iguais en que se divide un monte, como no caso do "monte dos Cuartos" en Mosende, e "monte dos Cartos" en Cerdido. 

Existe tamén  "Xesteira de Cartas" no Valadouro. En Foz "Cartas", e o mesmo en Mandiás (Ferrol). Tamén en Montoxo, en Régoa e Cedeira existen "Cartas" e "Os Cartos", así como "A Leira de Cartas". En outras parroquias de Cedeira hai máis "Cartas", e en Doncos, nas Nogais encontramos "As Cuartas", e  "Cartas" en Laxe, na Costa da Morte.

Reforzando a hipótese das partillas: 
  • "As Tercias" existe nas Negradas, en Cabanas, nas Nogais, etc, "Os Tercios" en San Sadurniño, Cedeira, San Sadurniño e Mugardos
  • "As de Quintas" nas Nogais, en San Sadurniño ."Os Quintos" en Cariño e Cerdido, 
  • En parroquias de Cedeira existe tamén "Os tercios", "As Sétimas" e  "As oitavas". 
De feito, esta tamén é unha das explicacións asignadas ao topónimo "As Cuartas" en Monterrei.

Cf. aquí
Outra alternativa sería relacionado coa cuarta parte dunha propiedade foral, ou de terreos sometidos ao pago dunha renda equivalente á cuarta parte dos froitos.

CURRO DE NAIA, O (A Rigueira)
O termo "Naia" é unha variante de "Navia", de orixe prerromana, e indicaría orixinariamente unha concavidade no terreo.
En canto a "curro", o dicionario de X. L. Franco defíneo como "lugar descuberto e cercado onde se encerran as cabalarías que se crían no monte para marcalas". Cf. DdD.

DORNAS, AS (A Rigueira)
O termo "dorna", do cal deriva o nome común para un tipo de embarcación,  ten orixe paleoeuropea, e derive da raíz indoeuropea *dheu- "fluír", frecuente en hidrónimos de orixe prerromana. Cf. p. 52 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos como río Doiro (< Durius).
A evolución semántica tería sido de ‘corrente fluvial’ a ‘canle, val’ , de aí a ‘recipiente’ e finalmente a ‘embarcación’ 

Alternativamente, Corominas suxería unha orixe no céltico *durna, o que acepta a RAE no seu dicionario: “quizá del celta *dŭrno-, cierta medida de capacidad; cf. galés dwrn, puño, y bretón duorn, mano”. 
Cabeza Quiles relaciónao cunha "valgada, depresión no terreo, na forma dunha caixa". No mesmo sentido, García Arias indica para o correspondente termo asturiano "duerna":  ‘artesa’, ha podido diversificarse semánticamente para aludir a terrenos más o menos envallados o aptos para recibir aguas. Cf. aquí.
Na mesma liña, Gerhard Rohlfs (1985) asígnalle unha acepción de ‘foxo profundo nos ríos’.

ENCRUCELADAS, AS (O Monte -lugar de Loureiro)
Topónimo transparente, sinónimo de "Encrucillada" e de "Crucelada", e que alude a un cruce ou confluenza de camiños. 
Os cruces de camiños tiñan gran carga simbólica, mítica e relixiosa, xa desde os romanos polo menos. Neles enterrábanse aos que morrían sen batizar, e neles detíñanse os enterros para rezar. Tiñan lugar ritos máxico-relixiosos como os de colocar pucheiros, con moedas ou con outros obxectos. Semella tamén que se daban neles rituais de fecundación ou a cura do "ollo-mao".
Canto ao topónimo, segundo o Nomenclator de Galiza, a variante "Encrucelada" dáse maiormente na área Mindoniense, maiormente no oeste desta área, de Ferrol ata Cervo. Non é, con todo, exclusivo desta área, así por exemplo recólleo Xabier Moure no Concello de Pedrafita.

ENXUDRE (Portocelo -lugar de Vilachá)
Os termos "enxudre", "xudre", "zudre" ou "xurro" teñen dúas acepcións: unha de "liquido que sae dos lugares de depósito, como latrinas e vertedoiros", e outra de "torrente, auga que escorre".
Xeralmente, o significado destes topónimos, non situados en zonas de poboación, corresponde ao de "auga que escorre de chuvia, torrente".

ESBEDREIRA, A (Lago)
Esvedral, lugar onde abundan os esvedros
Xa dicía Sarmiento que "esvedro en Vivero es el madroño".
Hai tamén un "Esvidral" en Vieiro e en Galdo, ao igual que outros ao longo de todo o territorio galego.

ESCADABELA, A (A Rigueira -lugar de Regosangüento)
A probable orixe deste termo non tería que ver con "escada" (esqueira) senón con "cádavo". Cremos que sería o diminutivo de "escadavada", lugar do que se arrincaron os "cádavos" (pau de toxo, uz, etc. que queda en pé no monte despois dunha queima).

ESCOURA, A (Portocelo)
ESCOURIDO, O (A Rigueira)
A voz "escoura" designa a pedra de cor do ferro. Os lugares nos que abunda a "escoura" reciben o nome de Escourido.

ESGROBA, A (Xove)
Aínda que non documentado, o significado sería similar a "grova", "engrova" e "sangrova" (cf. DdD),  significando "foxo", "cárcava".
Ver "A Gorbaxiña" para máis detalle sobre a etimoloxía de "esgroba", "grova", "gorbaxiña" e "gorbaladas".

ESTACA, A (Morás)
O termo "estaca" designa un "pau aguzado para chantar na terra", e daí, derivaría metafóricamente para "cabo, promontorio", definido como tal no "Vocabulario popular castelán-galego" (1926). Cf. DdD.

ESTEIRO (Xuances)
O apelativo "esteiro" é sinónimo de "estuario", "enseada". Etimoloxicamente representa a parella patrimonial galega do cultismo "estuario".

ESTIBADAS, AS (Morás)
O termo "estivada" ten varias acepcións, relacionadas coas antigas "rozas":
  • "roza": operación de cavar un anaco de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo.
  • Terra na que foi feita unha roza despois de estender as borrallas desta.
  • Peche dunha herdade con terróns.
Para maior detalle, ver a información indicada por Eladio Rodríguez no DdD.

FABEGAS, AS (O Monte -lugar de Gondar)
Topónimo que alude ao cultivo das fabas, aludindo a un lugar onde se cultiva ou propicio para o seu cultivo.
O sufixo relacional -ega, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces ligado por veces ao cultivo dos cereais e doutras plantas, así atopamos tamén "Aviega" (avea), "Millarega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla), "Pallarega", ou "Pomarega".
Gonzalo Navaza indica  que o sufixo -ega é "característico da fitotoponimia luguesa" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

FALADORIA, A (Xuances)
Posiblemente de "falar", nun sentido extenso, dun xeito similar a "Roncadoiro".
Nótese que existe a "Serra da Faladoira" en Mañón e "A Faladoira" en Goá (Cospeito)

FERROL (A Rigueira)
De (uilla) Ferreoli, de Ferreolusnome dun antigo posesor da uilla (casal, explotación agrícola).
Este lugar moi probablemente sexa o atestado como "Veiga de Ferriol" no ano 929:
  ".. In terra de Vivario, Veiga de ferriol cum suis adjuntionibus .." (cf. "España Sagrada").
Hai outros "Ferrol" próximos, como o de San Xusto de Cabarcos (Barreiros) e en Alfoz.

Con certeza figura atestada, xa como Ferrol, nun documento en castelán de 1488, indicando as contribucións á guerra de Granada:
      ".. la yglesia de la Rigueira de Ferrol nueve mill mor.." 
(cf. E. Cal. "Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo ").

FIOLLAS (O Monte)
Posiblemente derivado de *fiolla, que sería unha variante de fiollo "fiúncho" (< *fenuculu), o cal ten presenza na toponimia galega, en derivados como Fiollás, Fiolledo e similares.

FOCELLAL (A Rigueira)
Lugar onde hai foces. Unha "foz" é unha "desembocadura de río", e tamén un "desfiladeiro". Cf. DdD.

FOIAS, AS (A Rigueira)
O apelativo "foia" ten a mesma orixe que "foxa", do latín fovea, e indica unha furada. Os dicionarios danlle a "foia" a especialización semántica de "foxo para facer carbón" (cf. DdD). 

FOLGUEIROSA, A (O Monte -lugar de Gondar, Portocelo, Morás)
FOLGUEIRO, O (Morás)
As voces folgueira/o, folgosa/o, folgueiroso/a remiten a un lugar onde abundan os felgos.

FONDAL DO OURO, O (Xuances)
Ver "A Chousa do Ouro".

FONDÓN, O (Morás, Portocelo -lugar de San Cristovo)
O lugar máis profundo, rodeado de terreos máis altos.

FONTAÍÑA, A (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
O termo "fontaíña" alude a unha 'fonte pequena, fontela' (cf. DdD).
En canto á etimoloxía, poderíamos dubidar se vén de fonte + -iña ou directamente do latín fontanina. Parece ser que foi o segundo (cf. R. Álvarez, "Dialectoloxía e toponimia: Fontán, Fontenla, Fontaíña").

FONTAMAR (Morás)
Significado incerto. Posiblemente composto de "Fonte Amar".
O termo "amar" posiblemente teña orixe paleoeuropea (e por tanto, precelta), e derive da raíz indoeuropea *am-, frecuente en  hidrónimos de orixe prerromana, e cun significado relativo a "suco, canle, cavar". Cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos como Amosa (varios), A Amoá (Cabanas) e As Amoás (Sumoas).
Alternativamente, podería vir de Amari, xenitivo de Amarus, ou de Amari, xenitivo de Ademarus, nome de antigo posesor.

FONTAELO (Xuances)
A voz "fontelo" remitiría a unha 'fonte de caudal escaso e estacional que nace nos prados ou terreos húmidos’. En efecto, esta acepción aínda se conserva aínda no léxico das Médulas (León).
Por outro lado, nos dicionarios de galego soamente aparece no dicionario de Constantino García, aínda que só rexistrada nun lugar da xeografía galega, polo que semella máis probable a interpretación menos específica indicada.
É unha forma derivada de "fontao" ou "fontá" 'fonte', co antigo sufixo diminutivo -elo. Poderíamos dubidar se vén de fonte + -ela ou directamente do baixo latín fontanellu. Parece ser que foi o segundo (cf. R. Álvarez, "Dialectoloxía e toponimia: Fontán, Fontenla, Fontaíña"), ao aparecer tamén a variante "fontenlo", así como "Fontaelo", que o Nomenclator rexistra en Foz e Xove.

FONTAO (Xuances)
O nome deste núcleo de poboación posiblemente  derive de (agru) fontanu, derivado de fons "fonte" (cf. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa". 1977).
Cabeza Quiles interprétao como derivado do nome dun posesor chamado Fontanus .

FONTE DE DAIÁN (A Rigueira -lugar de Veiga)
De (uilla) *Dadilani, forma en xenitivo de Dadila, nome dun antigo antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola)
É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media. Cf. aquí.

FONTE DE FONTOURO (Xuances)
Ver "A Chousa do Ouro".

FONTE DO TORRILLÓN, A (O Monte)
Talvez derivado de torre. Ver "Torrillón" para máis detalles e alternativas.

FONTELA (Xove, Xuances -lugar de Ceranzos)
FONTELAS, AS (A Rigueira, Lago)
A voz "fontela" remite a unha fonte que ten un caudal moi escaso.
É unha forma derivada de fontá 'fonte', co antigo sufixo diminutivo -ela. Poderíamos dubidar se vén de fonte + -ela ou directamente do latín fontanella(m). Parece ser que foi o segundo (cf. R. Álvarez, "Dialectoloxía e toponimia: Fontán, Fontenla, Fontaíña"), ao aparecer tamén as variantes Fontenla e Fontaela.

FONTEMOL (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
Composto de "Fonte Mol". A orixe do termo "Mol" é incerta neste caso. Podería provir de 
Mauri, xenitivo de Maurus, nome dun antigo posesor.
Alternativamente, aínda que parece máis improbable, pode ser o significado transparente do adxetivo mol, cualificando as características da fonte ou da auga.

FORCADAS, AS (O Monte -lugar de Penas Agudas)
A  aplicación na toponimia, deste e doutros derivados de "forca" ( "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña", "Forqueta") é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato.
Noutros casos podería referir a bifurcación dun camiño, ou de montañas; neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro". A acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.

FORCÓN, O (A Rigueira, A Rigueira -lugar dos Cortellos, O Monte -lugar de Penas Agudas, Xove)
O dicionario define "forcón" como "pau rematado en dúas gallas pequenas que serve de soporte ou apoio a algo". A súa aplicación na toponimia, deste e doutros derivados de "forca", é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato.
Noutros casos podería referir a bifurcación dun camiño, ou de montañas; neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro". A acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.

FORMARÍS (Xuances -lugar de Reboredo)
De (uilla) *Fromarici, forma en xenitivo de Fromaricus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola)É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.
No entanto, é apenas unha hipótese, non totalmente resolta, debido á estraña terminación -ís frente á usual -iz.

FORNO DAS POMBAS, O (Morás)
Topónimo transparente, que dá nome a unha cova, e por tanto alude metaforicamente á presenza dunha cavidade, na cal aniñan as pombas ou se estableceu un pombal.

FORNIÑO, O (Morás)
Este topónimo, que dá nome a unha punta costeira, alude metaaforicamente á presenza dunha cavidade, probablemente labrada pola forza do mar.

FORO, O (Sumoas, Morás -lugar da Aldea de Abaixo, A Rigueira -lugar da Abelá, Xuances -lugar de Reboredo)
FOROS, OS (A Rigueira -lugar da Vila)
Indica unhas terras suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de logo ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).
Decía Sarmiento "Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

FOXO, O (Sumoas, Xuances -lugar de Esteiro)
FOXOS, OS (O Monte -lugar de Penas agudas)
O apelativo "foxo" vén do latín  fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras".
Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a Xoán Martínez, veciño de San Pantaión e Luís Dapena, labrador de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999)

Non se debe confundir "foxo"  con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, en canto que foso = port. fosso, cast. foso) .

FRÁDEGAS (Xuances -lugar de Fontao)
Unha "frádiga" ou "frádega" designa unha "casa de frades, convento". Este lugar tería pertencido, xa que logo, a uns freires ou convento.

FRAGADOIRA, A (A Rigueira -lugar de Cornide)
Este topónimo probablemente sexa un composto de "fraga" de  oira", e podería indicar algo como "fraga ao pé da auga". 
En efecto, o elemento -oira posiblemente derive da raíz prerromana *awr-, relativa a correntes de auga. Esta é a orixe que autores como E. Bascuas asignan a topónimos similares, como o río Ouro, antigamente documentado como Aurio.
No caso desta "Fragadoira", ao pé del Nomenclator tamén rexistra unha "Fonte da Fragadoira", así como "O Pradovello", o cal parece ir en liña co significado de hidrónimo.

FRANCO, O (Lago, Xuances -lugar de Cabo de Vila)
De "(o)  terreo franco", ou "(terreo do) Franco". 
Os topónimos "Franco" ou "Francos" son explicados nunha entrada do blog A Pena da Cataverna.

FREIXEIRO (Portocelo -lugar de Vilachá)
Os termos "freixido" e "freixeiro" indican un lugar onde abundan (terían abundado) as árbores chamadas "freixos".

FUNQUEIXEIRA (Portocelo)
De "Fonte Queixeira",
 de capsaria, por estar "encaixada", nun lugar fondo. Non parece que estea relacionado co adxectivo "queixeira", de "queixa" ou "queixo".

Hai quen apunta outras orixes: está atestado no ano 785 "Sancti Petri de Casario", o actual San Pedro de Queixeiro, en Antas de Ulla. Nun documento do ano 875 documéntase en León unha "Fonte Casiaria". Cf. aquí. Porén, ambos casos documentados poderían estar derivados dun "hiperlatinismo" do escriba e parece difícil no primeiro caso "casario" evoluir para "queixeiro" en lugar de "caseiro", amplamente rexistrado.
Existe outra "Fonqueixeira" na Balsa (Muras).

FURADA DA GRANDA, A (A Rigueira -lugar de Soutorredondo)
Referido a unha "furada existente na gándara". A "furada" ("buraco", "foxo") pode corresponder a un foxo derivado da escavación dunha mámoa. Ver "A Granda" para o termo "granda".

FURCOS, OS (Portocelo -lugar de Vilapol)
O termo "furco" ten varias acepcións. Neste caso, a máis probábel sería a de "foxo, furaco" (cf. Dicionario Estravis, E. Rivas "Frampas").

FUREIRA, A (Portocelo -lugar de San Cristovo)
FUREIROS, OS (Portocelo -lugar de Vilachá)
O topónimo "Fureiros" moi probablemente aluda a uns "foreiros", que terían habitado ese lugar en réxime de foro.
Similar comentario aplica para "A Fureira", que aludirá á condición da finca ou ben do posesor dela.
Ver "O FORO" para máis detalles.

GALBÁ (Lago -lugar de Casas Longas)
GALBÁN (A Regueira, Xove)
Estes topónimos posiblemente aludan ao alcume de antigos posesores.

GALIÑA, A (Sumoas)
Os topónimos "Galo", "Galiña" ou "Galiñeiro" non encaixan na maoiría dos casos co seu significado obvio, correspondendo moitas veces con montes e formacións rochosas. Proviría máis ben do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver blog A Pena da Cataverna para máis detalles.
Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro"  e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada. 

GALIÑEIRO, O (Xuances -lugar da Pena)
Posiblemente relacionado con "formacións rochosas". Ver "A Galiña".

GALIÑO, O (Xove)
Posiblemente relacionado con "formacións rochosas". Ver "A Galiña". 
Tampouco se pode descartar que aluda ao alcume dun antigo posesor.

GALLEIROS, OS (Portocelo -lugar de Vilachá)
O nome deste cantil indica "cantil rochoso", e proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. 
Ver blog A Pena da Cataverna para máis detalles.

GOLPILLEIRAS, AS (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
Unha "golpilleira" refire a unha gorida ou cubil de golpes ("raposos"). O nome provén do latín vulpicularia, co mesmo significado, derivado de vulpes 'raposo', 'golpe'.
É un topónimo frecuente en Galiza, e na contorna, por ex. no Vicedo. No portugués antigo tamén existía o mesmo nome, escrito gulpilheira 'terra onde abundam as raposas', e de feito presérvase na súa toponimia Golpilheira(s). Incluso atopamos Goupillières en Francia, da mesma orixe e significado.

GONDAR (O Monte)
De (uilla) *Gondiarii, forma en xenitivo de Gondiarius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola)
É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

GONDUFE (A Rigueira -lugar da Ponte do Carro)
De (uilla) *Gondulfi, forma en xenitivo de Gondulfus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

GORBALADAS, AS (Lago)
O lugar correspondente a este topónimo atópase preto de "A Gorbaxiña", analizada previamente. 
Posiblemente "Gorbalada", o mesmo que "Gorbaxiña", están relacionados con "gorba", sinónimo de "grova" 'barranco profundo, foxo, cárcava'. O feito de ficaren contiguos na mesma zona de Lago, parece darlle creto a esta relación.
Ver "A Gorbaxiña" para máis detalle sobre a etimoloxía de "grova", "gorbaxiña" e "gorbaladas".

No entanto, non podemos descartar a alternativa de provir de "As Agras Valadas". En efecto, Xosé A. Palacio no seu estudo "Sobre unha evolución diverxente do latín agrum nalgúns topónimos galegos " fai referencia a varios casos de evolución na toponimia de "Agro ..." para "Gor...", así por exemplo indica os casos de Gorbidal < Agro Vidal, ou Grumiao < Agro Meao.

GORBAXIÑA, A (Lago)
O lugar correspondente a este topónimo atópase preto de "As Gorbaladas", analizado posteriormente. Cremos que "Gorbaxiña", o mesmo que "Gorbalada", están relacionados con "gorba", sinónimo de "grova" 'barranco profundo, foxo, cárcava'. O feito de ficaren contiguos na mesma zona de Lago, confirma esta relación.
Tradicionalmente a "grova" asígnaselle unha orixe xermánica, así Piel derívaa do “nome gótico” groba ‘cova, furna’ (cf. J. Piel, "Sobre uma suposta identificação dos topónimos gal.-port. Groba, Grova, etc., com o etnónimo pré-romano Grovii", in Verba 1, 1974).
No entanto, tendo en conta as formas análogas "Gorbantes", "Gorbaña", "Gorboto", etc, coa mesma raíz e con típicos sufixos prerromanos, cremos que se trataría máis ben dunha palabra de orixe prerromana, un hidrónimo de tipo paleoeuropeo, derivado da raíz indoeuropea *gwer- 'tragar'. Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

No entanto todo o anterior, tampouco podemos descartar a alternativa de ser derivada dun composto de "Agra". En efecto, Xosé A. Palacio no seu estudo "Sobre unha evolución diverxente do latín agrum nalgúns topónimos galegos " fai referencia a varios casos de evolución na toponimia de "Agro ..." para "Gor...", así por exemplo indica os casos de Gorbidal < Agro Vidal, ou Grumiao < Agro Meao.

GOXAS, AS (A Rigueira -lugar de Lama)
Na Mariña, maiormente na Oriental, a voz "goxa" non se refire tanto a "cesta" senón a "hórreo".

GRANDA, A (varios)
GRANDAS, AS (O Monte -lugar de Gondar)
O termo "granda" ou "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a "terreo improdutivo, polo xeral chan".

GRANDEGO, O (A Rigueira -lugar de Vila)
Adxectivo relativo a  "granda" ("gándara"). Ver "A Granda".

GRAÑÉS (O Monte -lugar de Vilariño, A Rigueira -lugar de Canaledo)
Finca pertencente a un orixinario das Grañas, ou que habita nunha "graña" (granxa").

GUDÍN (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
De (uilla) *Gutini, forma en xenitivo de Gutinus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). Esta é a interpretación de Piel para os distintos Gudín, Vilagudín e os correspondentes portugueses Vilagudim, Godim, que demostra en base a atestación antiga. Cf. p. 387, J. M. Piel "Os nomes germánicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III.
É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.
É importante notar que, ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, supoñemos que a forma en xenitivo seguise a un agru/fundu; no entanto, tampouco se pode rexeitar a priori que ese lugar tivese sido unha uilla medieval (granxa, casal, explotación agrícola).

Hai un Vilagudín en San Román (O Vicedo) e outro en Ribadeo.

GUIUNCHEIRO, O (Portocelo -lugar de Vilachá)
Posiblemente de "aguiucheiro", lugar frecuentado polos aguiúchos (os pitos das aguias). O engadido do -n- poderíase explicar pola interferencia co termo "guincho". De feito, existe unha punta costeira en Portocelo (Xove) chamada "Guincheiros".
Alternativamente, aínda que menos probábel, derivado do latín acus 'agulla', referido ao aguzado que é o terreo. De feito, está rexistrado o termo acuncula 'agulla pequena'. Cf. aquí.

GULPILLEIRAS, AS (A Rigueira -lugar do Pazo)
Ver "As Golpilleiras".

GUXEIRO, O (A Rigueira)
Significado e orixe incerta.
Talvez forma evoluída de "buxeira", lugar onde abundan os buxos. A evolución sería similar á de volpe>golpe, ou suevos>suegos.
Esta interpretación é reforzada pola existencia do topónimo "A Guxeira" e "O Guxido" en Celeiro de Mariñaos (Barreiros).
Os dous topónimos anteriores indicados, tamén descartan interpretalo como un castelanismo de "agujero".

HEDRADAS, AS (O Monte)
De "(Casas) hedradas", probablemente indicando que este antigo núcleo de poboación foi abandonado, e que máis tarde, cando xa estaban en ruínas e con hedras, foron reacondicionadas e rehabitadas.

ILLA DE ANSARÓN (Morás)
ILLA DE SARÓN (Morás)
A illa de Sarón, ou "Ansarón" dunhas dez hectáreas, é alta e abrupta, con áreas de cría de aves mariñas. 
Pese ás aves, non cremos que o topónimo teña relación directa co "ánsar" (ou ansariño), do latín anser (á súa vez do indoeuropeo *ghans-). 

Podería derivar de *Ansarone/ Ansaroni forma en acusativo/xenitivo de Ansara, que remitiría ao posesor altomedieval do lugar.
nome Ansara é de orixe xermánica, e figura documentado en Galiza (cf. Frornarea).

Por outro lado, o nome alternativo que tén "Illa de Sarón", podería indicar unha orixe en *Sarone, e este da raíz indoeuropea *ser- 'fluír', frecuente na hidronimia paleoeuropea, tales como os ríos Sar, Sarela, Sor, etc.

ILLADE (Xuances)
Posiblemente derivado de *(uilla) Eliati, sendo Eliati unha 
forma en xenitivo de Elia (Elías), nome dun antigo posesor da uilla altomedieval (casal, granxa, explotación agrícola).

INFESTA (A Rigueira -lugar de Vilela)
O mesmo que "enfesta" 'cume, pico, lugar alto'. Cf. DdD.


INSUAS, AS (Xove)
Do latín insula. É interesante remarcar que, tanto no portugués como no galego, "insua" xeralmente refire a terreo rodeado en parte pola auga, xeralmente por un río, podendo ser unha península no río, ou incluso un lugar no medio de dous ríos. 

LAGAS, AS (Morás, Lago -lugar de Beltrán)
O termo "laga" significa "pequena lagoa ou charco", e ten tamén a acepción específica de "remanso do río, con auga profunda, onde se metía o liño a 'enlagar'" (cf. DdD).
Tamén fóra da xeografía galega, está recollido o termo "llaga", en Sayago (Zamora), coa palatalización propia do leonés (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas).

LAGOELA, A (Sumoas)
O topónimo "lagoela", é diminutivo antigo de "lagoa", o cal deriva do latín lacuna 'concavidade, charqueira'. É interesante notar que, nese sentido de "concavidade" que se alaga, o topónimo "lagoa" está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístrase na Idade Media: "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tombo de Celanova).

LAMA DAS ARCAS, A (Xuances)
LAMA DO CANEIRO, A (O Monte)
Unha "lama" neste contexto remitiría a un "lameiro, prado" (ver "Lamaboa" para máis detalles). 
Para "Arcas", ver "As Arcas".
En canto a "Caneiro", é un termo que alude a unha canle, un canal, por veces usado para pescar.
Os "caneiros" xa foron definidos por Sarmiento como "Los canales de los ríos para la pesca" (M. Sarmiento (1746-1755c): Catálogo de voces y frases de la lengua gallega").
O dicionario de (M. Valladares (1884): Diccionario gallego-castellano") dalle un sentido máis específico, que talvez fose o caso:
"Canal de pesca, compuesto ordinariamente de dos muros, ó estacadas, llamados guiares (V. guiar); muros, ó estacadas, que desde las opuestas orillas de un rio convergen en determinado punto del mismo, formando angulo, en cuyo vértice hay uno ó mas boquetes, para colocar las redes que son á manera de manga y destinadas por lo regular, á coger anguilas."

LAMABOA (Xove)
"Lamaboa" é composto por aglutinación do adxectivo "boa" e do substantivo "lama". Faría referencia, por tanto, a un "pasteiro (lameiro) produtivo".
A voz "lama", aínda que comunmente refira unha ‘masa branda que se forma ao mesturarse terra, area, follas, con auga’ (cf. "lama" no DRAG), neste caso tería un significado similar ao recollido por Elixio Rivas en Medeiros e Sarreaus (Ourense): ‘terreo baldío, comunal, con pastos para o gado do vecindario". Neste sentido, tamén J. Piel indica para "lama" que "da acepción primitiva ‘terreo baixo pantanoso’ desenvolveuse a de ‘pradeira húmida no verán’". Cf. J. Piel, "Estudos de linguística histórica galego-portuguesa", 1989.

LAMESTRAS, AS (Morás)
O termo "lamestra" deriva de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama"  tería o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.

É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "A Lamestra" en Vieiro (Viveiro).

LANGOIRA, A (Morás)
Este topónimo, existente en Xove, Cervo, Burela, Viveiro, Sarria, Pastoriza, Samos, tén orixe prerromana, posibelmente cun carácter hidronímico, e indicaría algo similar a "rego longo" ou "rego da encosta".
Ver entrada blog Pena da Cataverna para máis detalles.
A presenza humana antiga en Langoira de Xove é en calquer caso clara, foi atopado un petróglifo reticular (cf. aquí).

LIÑAREGA, A (Morás)
Topónimo que remite ao cultivo do liño, aludindo a un lugar onde se cultiva ou propicio para o seu cultivo.
O sufixo relacional -ega, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces ligado por veces ao cultivo dos cereais e doutras plantas, así atopamos tamén "Aviega" (avea), "Millarega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla) e "Pallarega".
En efecto, Gonzalo Navaza interprétao igualmente como sinónimo de "liñar", co sufixo de orixe prerromana -ega, que indica Navaza "característico da fitotoponimia luguesa" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.

LOBEIRA, A (Xuances)
O nome "lobeira" designa unha"gorida de lobos". Cf. DRAG.

LODAIRO, O (Sumoas)
O termo "lodairo" podería indicar o mesmo que "lodeiro" 'lameira, terreo con lama'. 
Ten tamén unha segunda acepción de "lodairo" (de lotanarium) ou "lamigueiro" é unha árbore da familia das salicáceas (populus nigra), de casca rugosa e copa máis ou menos ovoide, de madeira branca, lixeira, e de pouca calidade.

LODEIRO (Sumoas -lugar da Aldea de Arriba)
O termo "lodeiro" indica unha "lameira, terreo con lama". 
Ten tamén unha segunda acepción de "árbore tamén chamada lamigueiro, lotus", aínda que máis probable, por ser un topónimo frecuente demais para facer referencia a unha arbre incomún. 

LOURIDO (Xuances)
Lugar onde abundan os loureiros.

LUGAR DOS CASEIROS, O (O Monte -lugar de Loureiro)
Topónimo que alude á condición de "caseiro" que tería o dono ou alugueiro do lugar. A voz caseiro remite a unha "persoa que traballa a medias ou como alugueiro as terras dun amo ou que coida dos bens dunha persoa ausente" (cf. DRAG).

LUGAR DE LOUZAO, O (A Rigueira -lugar da Abelá)
Probablemente, neste caso, "Louzao" refira ao apelido dun antigo propietario.
O apelido "Louzao", atestado xa na Idade Media, e irmán do portugués Loução e do castelán Lozanotería a orixe nun alcume positivo do portador,  a partir dun hipotético *Lautianusa partir do latín lautus 'suntuoso'. O sentido primeiro sería 'elegante', logo 'fermoso' e finalmente 'frondoso, luxuriante'. Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)".

MACÍA, A (Portocelo -lugar de Vilapol)
Posibelmente indicando o apelido dun antigo posesor, "Macía", o cal deriva do nome bíblico Mathia(s).

MAELLE (A Rigueira)
Posiblemente de *(uilla) Manilii, forma e xenitivo de  Maniliusnome do posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe latina.

MALATA, A (Xuances)
MALATAS (Portocelo -lugar de San Cristovo, Sumoas)
Posiblemente relativo a "malatía" ("lepra").
Para máis detalles, ver entrada no blog A Pena da Cataverna.

MALLE, O (Sumoas -lugar da Aldea de Arriba)
O dicionario define "malle" como sinónimo de "mallo" (cf. RAG). 
Por outro lado, o dicionario de Constantino García refire outra acepción, nesta zona, de "martelo de forxa" (cf. C. García, 1985. "Glosario de voces galegas de hoxe").

MARIÑALBA (Rúa)
Composto de "Mariña Alba", que remite ao nome dunha antiga propietaria do predio.
O apelido "Albo" tería a súa orixe en Ourol, tal como se deduce da  Cartografía dos Apelidos de Galicia.
O feito de o apelido ser "Alba" e non "Albo" non é problema formal, senón que confirma a antigüidade do topónimo: lembremos  que da Idade Media ata o Séc. XVIII houbo o costume de adaptar morfoloxicamente ao femenino os sobrenomes das mulleres (cf. A. Boullón, 2017. "La antroponimia en Galicia en el siglo XVIII", in Namenkundliche Informationen 109/110). 
Como topónimo tamén atopamos un lugar chamado María Alba en Xermade, "María Arteira" no Valadouro e outro "María Amada", así como "María Amiga" en Xove, así como Mariñalba tamén en Xove.

MARRAXÓN, O (O Monte -lugar de Gondar)
O nome deste outeiro ten significado e orixe incerta. 
É un topónimo con varias ocorrencias en Galiza, así dá nome a un núcleo de poboación nas Pontes, así como ao "Monte do Marraxón" en Ferrol, así como na Ladeira de Marraxó en Vilardevós (Ou).
O máis probable é que teña orixe no tema indoeuropeo *mar-, variante do tema *mor-, presente no substantivo "morro" co significado de penedo, rochedo, pequeno outeiro. Na toponimia está presente en varios "Morro", así como no Morrazo, e tamén en Morreira. A variante *mar- estará probablemente presente nos topónimos Marraxón, Marraxó, A Marra, As Marrascas, Marrovello, Marrangüedo, Marrozos, e incluso O Marroco.

MARTELOS, OS (A Rigueira)
O termo "martelos" posiblemente indique a existencia dun batán ou mazo hidráulico, quer para bater o liño ou tamén para labores de ferreiro.

MASCOTELOS (A Rigueira -lugar de Veiga)
A forma mascotelos é o antigo diminutivo plural de "mascoto". 
O Nomenclator rexistra varias "Penas do Mascoto" e "Monte do Mascoto" na xeografía galega, que en xeral referirían á forma de mazo que presenta a rocha ou monte. En efecto, a voz "mascoto", recollida polo Estraviz, tamén se conserva en portugués, e é unha especie de mazo, de metal ou de madeira. Cf. Priberam.
Alternativamente, podería ser un termo orónimo prerromano que incluiría o coñecido elemento "coto".
Tampouco podemos descartar que remitan a "mascato" (unha ave), o mesmo que hai as Penas da Aguia.

MEAO, O (Morás)
MEÁS, AS (Portocelo)
Os termos "meao", así como o seu femenino "meá" foron as formas medievais por "mediano", "do medio". Por tanto, estes topónimos indican "lugar do medio", pola súa situación equidistante entre dous determinados lugares. Noutros casos, "meao" parece que máis ben aludiría á súa situación a media altura dunha elevación ou monte.

MEDELA, A (A Rigueira, Lago) 
Diminutivo de "meda".  "Meda", do latín metam, designa unha morea de mollos de cereal segado, aínda que tamén pode referir a unha "mámoa".

MEDORRA, A (Portocelo, Lago)
O termo "medorra" é sinónimo de "mámoa", e indicaría a existencia dun antigo enterramento megalítico.
Porén, non sempre "medorra" sinala unha mámoa: ás veces, "medorra" indica somente unha morea de pedras ou un monte pedregoso.

MEITERÁN (A Rigueira -lugar de Pradovello)
Talvez de *(agru) Mactiramni, forma en xenitivo de *Mactiramnus, o nome do antigo posesor, nome de orixe xermánica.
Porén, é apenas unha hipótese, non se atopou documentación antiga que confirme esta combinación (orixinado de mahti  hramnus).

MEITÍN (Xuances)
De *(agru) Mactini
 forma en xenitivo de Mactinus, nome do antigo posesor. É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.
Cf. M. Costa, blog Nominaeorum.

MEITÓN (Xuances)
De *(agru) Mactoni
forma en xenitivo de Mactonius, nome do antigo posesor. É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.
Cf. M. Costa, blog NominaEorum.

MEIXEIRA, A (Lago)
Probablemente de "A Ameixeira", unha clase de árbore froiteira.


MEIXIDO, O (Xuances -lugar de Toimil)
Probablemente de "ameixido", lugar onde abundan as "ameixeiras". 

Habería unha posibilidade, máis remota, de que sexa referido a abundancia de "meixón", a cría da anguía. Existe "As Meixosas" en Muras, que apuntan nesta hipótese.

MELÓN, O (A Rigueira -lugar do Torrillón)
Posiblemente a dunha raíz indoeuropea *mel- "aparecer, emerxer", frecuente nas distintas linguas derivadas, e que atinxiu nelas valores de tipo oronímico e hidronímico. Cf. aquí.

MERIXE (Portocelo)
De *(agru) Meridii,  agro dun posesor chamado *Meridiu, do latín Meridius. Cf. Miguel Costa.

MESTAS, AS (O Monte)
O topónimo "Mestas" ven de (aquas) mixtas 'mesturadas', indicando unha confluencia de ríos ou regatos.
Outros "Mestas" nos arredores aparecen nas Grañas (Mañón), en Silán e na Curiscada (Muras).

Atopamos xa algo máis lonxe "Las Mestas" en Asturias e Cáceres, "río das Mestas" (A Coruña), "Ambasmestas" (León) e dous "Entrambasmestas" en Cantabria. En todos eles mestúranse as augas de dous ou máis ríos ou regatos.

MESTRÁDEGOS (Xuances) 
O dicionario define "mestrádego" como "territorio da xurisdición do mestre, de calquera das ordes militares". Cf. DdD.
Descoñecemos se este outeiro tería pertencido a algunha orde militar.

MILLAREGA, A (Xuances)
Topónimo que alude ao cultivo do millo (miúdo), aludindo a un lugar onde se cultiva ou propicio para o seu cultivo.
O sufixo relacional -ega, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces ligado por veces ao cultivo dos cereais e doutras plantas, así atopamos tamén "Aviega" (avea), "Escanarega" (escanla), "Pallarega", ou "Pomarega".
Gonzalo Navaza indica  que o sufixo -ega é "característico da fitotoponimia luguesa" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

MIXUEIRA, A (Lago -lugar da Torre)
Significado incerto. O dicionario define meixoeira como persoa que pesca "meixóns" ("angulas"), aínda que descoñecemos se poidera ser o caso. 

MODIAS, AS (A Rigueira -lugar de Labradela, Portocelo -lugar de Vilachá, Xuances)
O termo "modia" refírese moitas veces a unha mámoa ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un outeiro, a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida.

MONTE SOBRADO, O (O Monte -lugar de Gondar)
O apelativo "sobrado" refire en galego ao "piso superior dunha casa" ou "pavimento de madeira". Xeralmente, é interpretado como derivado de superatum, ou superadditum 'engadido por riba', no sentido de 'sitio alto, eminente, que sobresae'. Así, I. Millán defíneo como "tierra alta, elevación dominante" (cf. I. Millán. "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987). Esta interpretación encaixa no caso que nos ocupa do  "Monte Sobrado".

Por outro lado, J. Piel interpretou "sobrado" como pertencente á mesma categoría de "pazo" (<palatium) e sá (<sala), as tres denominando "residencias máis ou menos fidalgas" (cf. J. Piel, "Sobrado. Perfil histórico de uma palavra". 1953). Aplicaríase, xa que logo, no sentido de casa de certo lustre ao ter varios andares.

Tanto Piel como outros autores rexeitan interpretacións como a de provir de "suberatum", tendo en conta a forma en que figuran na atestación medieval.

MONTEBELLE (Lago)
Do  *Mons  Belli(i), monte dun posesor de nome Bellius ou Bellus
A forma Belli está documentada en Galiza en documentos medievais (cf. A. Rodríguez Colmenero - 1977).

MONTEIROS, OS (O Monte -lugar de Loureiro, Lago)
En xeral "monteiro" significa "persoa que participa nunha cazaría no monte, encamiñando a caza cara onde se atopan os cazadores." (cf. RAG), aínda que dun punto de vista histórico referiría “o cazador especializado que guía unha montaría”. Por tanto "Os Monteiros" indicaría posiblemente o lugar onde vivía unha familia cuxo ascendente se tería adicado á montaría.

As montarías eran comúns no rural e, en particular, as batidas de lobos, xeralmente dirixidas por monteiros profesionais foron comúns e recorrentes desde a Idade Media ata o século pasado. En efeito, un número nutrido de persoas corría o monte batendo sobre o chan e o mato para asustar e acosar o lobo, polo xeral conducíndoo para un un foxo. Na Idade Media, o monteiro costumaba ser un experto cazador local que tiña encomendada a organización de batidas comunais contra lobos e feras salvaxes que ameazaban o gando. Nalgúns casos, o monteiro exercía a súa profesión sen exclusividade, asinando contratos con señores, aldeas e mesmo parroquias enteiras. Cf. A. Reboreda, "Espazos lupinos de Galicia: os foxos do lobo". 2009 (aquí).

MORÁS (Morás)
Posiblemente de (uilla) Mauranes
forma en xenitivo de Mauran, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.
Esta parroquia xa está atestada en 1378 como "Moraes"Cf. Miguel Costa blog frornarea.
No século XVIII atopamos a localidade xa atestada como "Morás" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

MOSQUEIROS DE CARABULLO, OS (O Monte)
Ver "O Rego dos Mosqueiros".

MOUCIDE (Portocelo -lugar de Vilapol)
Etimoloxía e orixe incertas. 
A veciña parroquia de Moucide (O Valadouro) figura nun documento de 1128 como "S. Stephanus de Moucido" (cf. aquí). Asumindo que tivo por tanto a forma "Moucido", pode interpretarse como contendo o sufixo abundancial -ido. O que non queda claro é cal sería o elemento ao que alude este abundancial.
No século XVIII atopamos a localidade xa atestada como "Moucide" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).
É de notar que a evolución de Moucido>Moucide é común na Mariña Central, sendo a mesma que a que se deu en topónimos como "Mexilluíde" ou "Teixide".

MOUTEIRA, A (A Rigueira -lugar de Regosangüento)
Unha mouteira é sinónimo de marco, pedra divisoria. Tamén ten a acepción de "pequena mouta", pequeno sitio onde sobresaen as plantas.

MUIÑO DA COTARELA (Lago)
Un "cotarelo" é un pequeno outeiro ou coto (cf. DdD). 
É común indicar o muíño referenciado ao lugar onde está situado, así atopamos topónimos como "Muíño da Devesa", "Muíño da Fraga", "Muíño da Granda", etc.

MURO DO BISPO, O (Xuances)
O termo "Bispo", do latín episcopus, pode deberse ao uso deste como alcume ou sobrenome familiar. Alternativamente, talvez indicase unha antiga pertenza á xurisdición episcopal. 
É tamén preciso ter en conta que o termo "Bispo" como elemento onomástico persoal é frecuente na documentación altomedieval. Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)".

NOVÁS, OS (Lago)
De "os (agros) novás", plural de "noval", finca nova.
O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable". Cf. DdD.

PAIALBO (Lago -lugar de Casas Longas)
De "peago albo" ou de "Paio Albo". 
Os apelativos "peago" e "piago", derivados de pelagiu, teñen dúas acepcións principais, "poza profunda no río" ou "lugar ao pé do mar". 
En canto a "Albo", tería o significado usual de "branco".
Alternativamente, de "Paio Albo", que podería corresponder ao nome dun antigo posesor, pois o apelido "Albo" ten certa frecuencia na Mariña.
Unha terceira hipótese sería de "pagu albu", de "pago".

PAGÁS, AS (A Rigueira -lugar de Regosangüento)
O dicionario define "pagá" como "castiñeiro novo, sen enxertar". Cf. DdD. 
O castaño foi unha árbore moi importante antigamente. Ata o século XVIII o seu fruto constituíu un dos alimentos básicos indispensábeis, antes da introdución da pataca. Para que dese un bon fruto tiña que estar enxertado. No caso contrario, metafóricamente como as persoas que non estaban bautizadas, chamábaselle ‘pagás’,
Este topónimo atopámolo, de feito, en Xove, Foz, Ribadeo, A Pontenova, Riotorto, polo que podería ter, alternativamente, relación co lugar da Pagá.
En efecto, podería aludir ás terras pertencentes a unha persoa oriúnda do lugar da ermida de Santo Estevo da Pagá, en San Miguel de Reinante. Esta capela está rexistrada en 1128 como S. Stephanus de Pagadi (cf. E. Flórez, "España Sagrada, ..." Vol. 18).
O Nomenclator de Galicia dános unha pista significativa ao rexistrar o nome de "O Pagaedo", na Pontenova. A terminación en -edo indícanos un abundancial, xeralmente de árbores. Por tanto,  apunta claramente a que a interpretación referida de "castiñeiro novo". Tamén o topónimo "A Pagá da Sopa" sinala na mesma dirección (pagá que produce castañas para o caldo).

PAINZAL, O (Portocelo -lugar de Vilapol)
Lugar con paínzo (millo-miúdo), ou que produce bo paínzo. 

PANDA, A (Xuances, Xove)
A voz "panda" designa un terreo combado ("pandado").

PARABILLEIRAS (Xuances -lugar de Illade)
De "pedras billeiras". Unha "pedra billeira", ou sexa, pedra da billa, é a pedra na que apoia a buxa ou final do cubo onde salta a agua nas pas do rodicio. Cf. DdD.
Non fica clara a relación cun topónimo. Descoñecemos se refire a abundancia de pedras axeitadas para tal fin ou a algunha forma metafórica, incluíndo a posibilidade de ser un antigo alcume.
Alternativamente, non podemos descartar (máxime cando o significado anterior non encaixa totalmente) que proveña de "(terras) *parballeiras". O termo "parballeira" consérvase no portugués, coa grafia parvalheira, e significa "terra inculta, de mala calidade, e afastada da poboación". Cf. priberam.

PARAMELA, A (O Monte -lugar de Loureiro, Morás -lugar do Carballo)
PARAMUZA, A (Portocelo -lugar de Vilachá)
O termo "paramela" é a forma derivada de "páramo", co antigo sufixo diminutivo -ela.
No caso de paramuza, é igualmente unha forma derivada de "páramo", co antigo sufixo -uza.
O nome "páramo" é unha palabra de orixe celta, que significa "terreo ermo, raso e desabrigado".
Cf. aquí DdD.

PARAÑOS, OS (Sumoas)
"O Paraño", de Castelao.
O termo "paraño" é definido no dicionario de L. Carré como "lugar amparado, protexido". Cf. DdD. Podería significar "terra con certos "privilegios", tamén recollido así en portugués."
Outros significados, como "aparador" ou o  tamén recollido en portugués de "pedra da parte superior da boca do forno, en forma de viseira" parecen máis improbables dada a cantidade de topónimos que aparecen nos concellos cercanos (en Sumoas, en Valcarría, en Covas, etc). Así e todo, podería estar relacionado con pedras asociadas a construcción megalítica antiga, de feito as furadas dos dolmens son chamadas na nosa toponimia "fornos" ou "fornos dos mouros".

PARDIÑAS 
(Xuances)
O topónimo "pardiña" deriva do latín parietina,  "casa en ruínas, paredes", e despois pasou a ter un significado de "devesa ou terreo acoutado".

PARDIÑEIRA, A (A Rigueira, O Monte -lugar de Gondar)
O nome "pardiñeira" significaba orixinariamente "lugar deshabitado", similar a "pardiñeiro": casa arruinada e destartalada (cf. DdD). En portugués existe pardieiro, co mesmo significado que "pardiñeiro".
Outra posible acepción de "pardiñeira" é a de conxunto de "pardiñas" (devesa ou chousa, cf. dicionario), lugar de devesas.
Na toponimia galega abundan as "Pardiñeiras". En Mogor hai "As Pardiñeiras", en Riobarba e en Covas (Viveiro) hai "A Pardiñeira", igualmente en Barbos (Ortigueira), en Celeiro "Pardiñeiras", en Covas "Os Pardiñás".

O PARRUGUEIRO (A Rigueira -lugar de Veiga)
Significado e orixe incerta. 
Podemos pensar na acepción común de "parrugueira", sinónimo de "borralleira", talvez relacionado coa actividade das rozas. Se fose ese o caso,  tería un uso similar aos topónimos "Cernada".
O Nomenclator rexistra tamén "A Parrugueira" en Vilalba, así como "As Parrugueiras" en Xermade. Ademais, é interesante notar a existencia dun "O Parrugal" en Cariño e mais dun "O Parrogal" no Vicedo, que semellan abundanciais, que dan por tanto conta da antiga existencia dunha voz *"parruga" ou *"párruga".
Por outro lado, tendo en conta o topónimo Parga  de Guitiriz, que está atestado na Idade Media como Parrega, tamén podemos pensar que estean relacionados e teñan unha orixe nunha mesma base prerromana.

PASADA DA LUCÍA, A (O Monte -lugar de Gondar)
PASADA DE MEDIA SOPA, A (O Monte -lugar de Loureiro)
PASADA DO LOBO, A (O Monte)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso, xeralmente de paso de río, a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña" (poldras). Esta acepción  consérvase na toponimia de toda a zona: en Mañón, en Viveiro, en Muras, no Vicedo, en Ferrol, etc.

PAZOS (A Rigueira)
O termo "pazo" deriva de palatium, usado no sentido de "casa señorial".
Alternativamente, podería ser un caso máis do abondoso deste topónimo en Galiza, que dificilmente en moitos dos casos poderían corresponder cos palatium latinos no sentido de "casa señorial".
J. J. Moralejo (2007) "Callaica Nomina", refire estes topónimos ao prelatino palatio,  "lugar pechado no monte onde se gardan ou recollen temporalmente animais, curro".

PEDRA CHANTADA (Portocelo -lugar de Vilachá)
Este é un topónimo bastante frecuente, e indica un lugar onde hai ou houbo un marco, ás veces un prehistórico (un menhir), outras veces un marco, medieval ou máis moderno, limitador de territorios (por exemplo parroquias).

PEDRALBA, A (Xove)
De "Pedra Alba". Hai moitos topónimos con este nome en Galiza. 

O significado é transparente, "pedra branca". A forma "alba" fronte á actual común "branca" dá conta da antigüidade do topónimo.

PEDRIDE (Xove, A Rigueira, Morás)
O mesmo que "pedrido", "sitio onde abundan as pedras pequenas". Cf. DdD.
O sufixo abundancial en -ide fronte aos máis comúns -edo e -ido, é frecuente nesta zona, onde atopamos sacide, teixide, mexilluíde, etc.

PEDRÓN, O (Portocelo -lugar de Vilachá, Sumoas -lugar da Aldea de Arriba)
Os dicionarios galegos inclúen "padrón" e "pedrón" como "Marco; poste de pedra alta e grosa que serve de indicador ou sinal" (cf. L . Carré, DdD).
Igual significado é recollido no portugués antigo "marco ou marcos de pedras altas que ainda hoje vemos nos antigos coutos" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).

Para o apelativo "pedrón", Eladio Rodríguez indica que
       "llaman también así nuestros campesinos al menhir".

Aínda que puntualiza Filgueira Valverde en que
     “no siempre el topónimo indica un monumento prehistórico, puede tratarse de un miliario, de un hito liminar o sencillamente de una “piedra hita” natural”. Cf. X. Filgueira Valverde e A. García Alén, 1977. "Inventario de monumentos megalíticos. .."

En calquera caso, aluden a unha pedra singular, probablemente arqueolóxica, un marco, un menhir, un miliario. É análogo ao portugués pedrão o padrão, para os que Machado (DEP) dá a seguinte atestación do século XIV:
          “acharom sobre uũ pedram letras escritas dentro da pedra”.

Por outro lado, o termo petronus está tamén rexistrado no latín tardío, e Du Cange dálle o significado de acervus lapidum 'morea de pedras' (cf. Du Cange. "Glossarium mediae et infimae latinitatis"  aquí).

Finalmente, indicar que Corominas apunta a posibilidade de que algún deles remonte en realidade a un celtismo petronu, adxectivo formado sobre petru, que nas linguas celtas é o número "catro", en referencia a unha encrucillada ou xuntanza de catro camiños (cf. Corominas, DCECH, s.v. padrón).

PEIBARBA (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
De "peago barba" ou de "Paio Barba".  O termo "peago" ou "piago" deriva de pelagiu, que ten dúas acepcións principais, "poza profunda no río" ou "lugar ao pé do mar". "Barba" neste caso sería  un hidrónimo, relacionado coa raíz indoeuropea *bher "ferver, bulir".
Alternativamente, "Paio Barba" podería corresponder ao nome dun antigo posesor, con "Barba" como apelido tal como indicado.
É interesante notar que existe "Río Barba" no concello do Vicedo.

PEILAO, O (Morás)
Probablemente "peilao" remite ao alcume dun antigo posesor. O termo "peilao" indica "palanquín, folgazán".

PEIROÁ (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
Talvez derivado de "pereiroá" (latín vulgar pirariola 'pequena pereira') ou similarmente 
"pedreiroá" (diminutivo de pedreira).
Podemos tamén pensar que responde á evolución na pronuncia do nome dun antigo posesor, "Paio Eiroá".

PELAMIOS, OS (A Rigueira -lugar de Canaledo)
De "pelamio", lugar onde houbo curtidorías de pel. Cf. Cabeza Quiles "Os nomes de lugar".
Tamén pode vir referido á familia dun posesor que era curtidor.

PENA DE CORVELLE, A (A Rigueira)
Probablemente derivado de Corvelli, forma en xenitivo do nome dun antigo posesor Corvellus, nome de orixe latina.

PENA DA MOA, A (O Monte -lugar de Gontar)
Unha "moa" é unha pedra redonda, tanto a que se usa de pedra de muíño como a que se usa para afiar. 
Posiblemente referido a un penedo de forma de moa, redondo, ainda que descoñecemos o lugar concreto.

PENA HEDRADA, A (O Monte)
Topónimo transparente, remitindo a unha pena con edra.
É unha alusión relativamente común, así temos unha "Pena Hedra" en Alfoz.

PENA PORONDADA, A (A Rigueira, O Monte)
Este topónimo alude a unha pena pendurada, colgada.
O termo "porondada" é o participio do verbo "porondar", variante da forma estándar pendurar (colgar). O verbo "pendurar" viría do latín vulgar pendulare, de pendulus 'colgante', ou ben derivado de pendura, do latín *penditūra, ambos os dous derivados de pendere 'colgar'.

PENA QUE TUMBA, A (A Rigueira -lugar dos Cortellos)
O significado podería ser o directo, de "tumbar".
Porén, tampouco é descartable unha evolucion por "etimoloxía popular" a partir dun termo coa raíz prerromana *katt- (para máis detalles, ver entrada do blog Pena da Cataverna).

PENA ZOPA, A (Sumoas -lugar da Aldea de Arriba)
Orixe incerta.
Probablemente teña relación coa acepción do vervo "zopar" de "volverse romo, ficar sen puntas ou arestas", deste modo significaría "pena roma, sen aristas".
Alternativamente, o termo "zopo" significa "torpe, zambo", mais non fica claro o encaixe desta interpretación asociado a unha pena.
Finalmente, tampouco podemos descartar unha orixe nun termo prerromano, talvez relacionado co topónimo Zaipa (< *Salappia ?) comentado no blog Pena da Cataverna, que neste caso sería entón talvez un *Saloppa. ( > *Saopa > Zopa) de feito, a pronuncia é con "o" aberto).

PENARTEIRO (Xuances)
Composto de "Pena Arteiro".
Aínda que a forma "Arteiro" non aparece como apelido actualmente (cf. Cartografía dos Apelidos de Galicia, s.v.), si que está atestado na onomástica medieval galega. Está atestado por exemplo "Pedro Arteiro", alcalde de Viveiro en 1371 (cf. E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).
Indica Boullón Agrelo que o apelido derivaría dun alcume, a partir de "arte", no sentido medieval de 'fraude, engano'. Por outro lado, indica que tamén existiu o nome Artario, de orixe xermánica, pero neste caso e en moitos da onmástica medieval parece máis ben tratarse dun alcume (así atópase  1n 1388 "Petrus Suarit cognomento Artarius" no Tombo de Sobrado (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"). 

PENAS DO TORNO, AS (Xove)
Ver "O Torno".

PENIDO CANDO, O (O Monte -lugar de Loureiro)
O significado é incerto, talvez "penido en forma de xota" (renovo de castaño), aínda que neste caso parece máis probábel que sexa "penido brillante", co termo "cando" como adxectivo, preservando o significado de "brillante", como no termo orixinario indoeuropeo.
Un "cando", segundo o dicionario, é un "renovo grande do castaño"  (cf. DdD). Segundo G. Navaza, o termo "cando" en xeral designa "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado", "guizo, chamizo" (cf. G. Navaza, 2006, "Fitotoponimia galega"). En canto á etimoloxía, é discutíbel; Navaza remítea a unha raíz indoeuropea *(s)kand  'resplandecer, brillar', 'lúa', como no lat. candeo "brillar", "arder" e os seus múltiples derivados, como "acender", "candela", entre outros. Partindo desta raíz postulouse un elemento céltico *kando-, e kandanos, do que derivaría o asturiano cándano e o galego "cando". 
O Nomenclator rexistra en Galiza multitude de topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

PENOUZO, O (Portocelo -lugar de Vilachá)
O topónimo "penouzo", é outro derivado de pena co sufixo -ouzo, de orixe prerromana, que lle dá un certo matiz despectivo.
Edelmiro Bascuas indica que este sufixo deriva de *-auceu, unha variante do
sufixo prerromano -auko, que sería abundancial.

O PERNAL (Xuances -lugar de Camba)
Este topónimo, correspondente a unha zona de prados, probablemente remita a un sintagma (lugar da fonte) pernal.
Os topónimos "Fonte Pernal" son relativamente frecuentes na xeografía galega, e alén dela tamén en Asturias, Cantabria.
No "Vocabulario del bable de occidente (1932), de B. Acevedo e  M. Fernández,  é definida unha "fonte pernal" como "fonte que non seca, perenal".
Tamén  Abelardo Moralejo interpretou igualmente Fompernal de Triacastela e "Fonte Pernal" de Noia,  como derivados do latín perennis 'perenne', no senso de "que non seca" (cf. p. 106 de A. Moralejo, 1977. "Toponimia gallega y leonesa").

PICOUTO (Xuances -lugar do Cruceiro)
Formado polo sintagma "Pico Outo", onde "outo" é a antiga forma do adxectivo alto, que quedou "fosilizado" na toponimia. Remite por tanto a un pico orográfico elevado.

PIMPÍN (Xuances)
Probablemente de orixe en onomatopeia, indicando unha fonte de pouco caudal, que "pinga", polo cal se costuma pór unha "pimpela" pola que discorre o fío de auga.
O feito de haber lugares ou fontes "Pimpín" nas Ribeiras do Sor, en Mañón, en Celeiro, nas Negradas, etc, parece confirmar esta hipótese.
Esta hipótese parece reforzarse tamén co feito de que en asturiano unha pimpana é  unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.

PINGUELA, A (Morás -lugar da Aldea de Arriba, Xuances -lugar de Reboredo)
O termo "pinguela" vén de "pingar", "caer a auga ou o líquido", derivado do latín tardío *pendicare 'estar colgado ou inclinado'.
Pinguela significa o mesmo que "pimpela", "Fío de auga que mana dunha rocha", e tamén "Cano por onde verte auga unha fonte".

É un topónimo relativamente frecuente, por exemplo nos concellos veciños de Cervo e Alfoz.

PIÑEIRO, O (Portocelo, A Rigueira, Sumoas -lugar da Aldea de Arriba)
O topónimo Piñeiro remite á existencia dunha árbore deste nome.
Tanto nestes casos como en xeral na toponimia, é frecuente atopar este nome en singular, o cal pode aludir a un piñeiro illado que constituía unha referencia no territorio, nalgúns casos como linde. Tampouco se pode descartar que, aínda que figure en singular, se refira a un piñeiral e non a unha única árbore.

PLANTÍO, O (A Rigueira -lugar de Canaledo, A Rigueira -lugar de Veiga, Lago, Morás, Xuances)
PLANTÍOS, OS (Lago -lugar da Barxa, Sumoas -lugar da Aldea de Arriba)
Nome abundancial de plantas en xeral. Así é interpretado por Navaza como "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
Probablemente unha parte dos topónimos "Plantío" remitan a "Plantíos Reais", que tiñan o obxectivo de prover  madeira aos estaleiros da Armada.  Indica Carlos Breixo a constancia da existencia dos Plantíos Reais en Galiza a partir do reinado de Filipe II. As árbores que se plantaban nesta zona eran dous tipos de carballos, freixos, e nogueiras.  Cada veciño da freguesía na que había un Plantío Real tiña a obriga de plantar un número determinado de árbores e coidalas durante uns vinte e cinco anos (cf. C. Breixo, "A vila das Pontes no catastro do Marqués de Ensenada" in Hume n. 8). Os Plantíos Reais desapareceron como tales no século XIX, ao ser vendidos por non se usaren xa para os buques da Armada.
Por outro lado, interesante a acepción de ‘terreo de castiñeiros’, que recolle Marqués Valea na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada"). 

POLEIROS, OS (A Rigueira -lugar do Torrillón)
O termo "poleiro" significa "galiñeiro", "pau no galiñeiro onde se pousan as galiñas". 
Podería ter sido un alcume familiar, tal como ocorre en moitos topónimos en plural destas características, indicando por tanto a antiga pertenza á familia dese alcume.

PONTE DA TRONCA (Lago -lugar de Regosangüento)
Posiblemente indicando unha "pontiga" (ponte pequena) de madeira apoiada nun ou varios troncos grandes. Aínda que o termo "tronca" non aparece no dicionario, o feminino actúa de aumentativo, tal como o caso de "sacho"/"sacha".
No Dicionario de Madoz (1845-1850) é frecuente a alusión a pontes feitas de troncos. Por exemplo, na entrada correspondente a Avedillo: "le cruzan [a un arroio] 2 estrechos pontones de maderos, que solo sirven para el paso de las personas".
Existe tamén un lugar chamado "Por da Tronca" nas Ribeiras do Sor (Mañón).

PONTE DO CARRO, A (A Rigueira)
Posiblemente co significado directo, dun "carro" de transporte.

PONTE DO PORTO DE ABAIXO (Xuances -lugar de Camba)
Topónimo transparente, referido á existencia dunha ponte nun "porto" de río. Ou sexa, antes da existencia da ponte xa se usaba o lugar como vao, por onde cruzar o río.
En efecto, os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.
Por outra banda, é interesante reparar que Ferreira Priegue vencella os Portos con postos nos que se cobraba un portus, unha pasaxe, imposto ao tráfico de mercadorías : "En el imperio romano un portus era un puesto fiscal donde se pagaban impuestos de circulación y tráfico de mercancías (portorium) de tipo de los posteriores peajes y portazgos". Cf. E. Ferreira 1988. "Los caminos medievales de Galicia".  Ourense 1988.

PORRIDE (A Rigueira)
Posiblemente o mesmo que "porrido". Aparece atestado no ano 877 como "rego de Porrito" (cf. p.77 de E. Cal, “De Viveiro en la Edad Media”, in "Estudios Mindonienses", núm. 7, 1991), probabelmente o que pasa preto deste monte.
O termo "porride" tería o mesmo significado que "porral": "recuncho de terreo no que se sementan allos ou outras plantas para despois trasplantalas." Cf. DdD.

PORTOCELO (Portocelo)
Nome transparente, aludindo a un pequeno porto.
Aparece atestado nun documento de 1485 como "Portezelo":
         "las dichas feligresias de Fozdouro et Burela et Lieyro et Portezelo et Çelero .."  - cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo".

PRADA (Xuances)
Topónimo que remite a un conxunto de prados. Deriva do latín prata, plural de pratum 'prado'.

PRADO DA MOA, O (A Rigueira -lugar de Vilela)
Unha "moa" é unha pedra redonda, tanto a que se usa de pedra de muíño como a que se usa para afiar. Posiblemente referido a un penedo de forma de moa, redondo, ainda que descoñecemos o lugar concreto.

PREGUIZA, A (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
Poderíamos interpretar "preguiza" no sentido do apelativo que os dicionarios definen como " Falta de vontade para traballar".
No entanto, é interesante notar a relativa frecuencia de topónimos "Preguiza" e relacionados na toponimia galega. É verdade o valor na cultura tradicional galega que lle é dado ao traballo. Pero aída así, debería ser un topónimo extraordinariamente raro se se tratase do sentido indicado pola voz comúm "preguiza".

Parece que na realidade a significación do topónimo é ben diferente. Cabeza Quiles indica para o caso d"O Preguecido" da Estrada, que o profesor G. Navaza relaciona este topónimo estradense coa árbore chamada "pigarceira", tipo de pereira que dá peras "pigarzas". Sería, pois, O Preguecido un abundancial en -ido (< -ētu) desta árbore froiteira (c.f F. Cabeza, "Toponimia da Estrada").
O Padre Sarmiento xa falaba dela:
       “Pigarza. Pera que comí muy gustosa, entre la bergamota y don guindo. Selecta”
Outros fitotopónimos galegos que tamén serían referidos a antigos grupos ou concentracións de pigarceiras son O Preguizal (Calvos de Randín), O Prigazal (A Gudiña).
Considerando todo o anterior, podemos pensar que moitos dos topónimos "Preguiza" evolucionasen desde "Pirguiza" por mera atracción pseudo-etimolóxica do termo común "preguiza". 
En resumo, queda pois unha alternativa fundamentada pola que todos ou parte dos topónimos "A Preguiza" se referirían a unha "pereira preguiza".

PUMAREGA, A (Xove, Sumoas, Portocelo -lugar de Vilapol)
O mesmo que "pumar", finca plantada de maciñeiras/mazairas.

PUNTA ARGONTE, A (Morás)
O termo "Argonte" é moi probablemente de orixe prerromano, relacionado coa hidronimia paleoeuropea.
Para a orixe concreta de "Argonte", podería derivar dunha forma *ar-gh-, derivada da raíz indoeuropea *er- 'moverse', ou ben dunha forma *arg-u-nt-,  da raíz indoeuropea *arg- 'branco'. En calquera dos dous casos, o feito importante é a presencia dun topónimo indoeuropeo prerromano, probablemente pre-celta.

PUNTA DE RONCADOIRO (Portocelo)
O termo "roncadoiro" ten relación co son producido, polo mar e polo vento.

PUNTA GALIÑO, A (Morás)
O termo "galiño" está neste caso relacionado con "formacións rochosas". Proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver blog A Pena da Cataverna para máis detalles.

PUNTA MEXILLUIDE, A (Portocelo)
O termo "mexilluíde", o mesmo que "mexilluído", alude a un "lugar no que abundan os mexillóns."
O sufixo abundancial en -ide fronte aos máis comúns -edo e -ido, é frecuente nesta zona, onde atopamos sacide, pedride, etc.

RAMIL (A Rigueira -lugar de Pradovello)
De *(uilla) Ranamiri, forma en xenitivo de Ranamirus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica.

REBOIR(Portocelo -lugar de Vilachá)
Do latín vulgar roboria, "carballo".
Non se conservou no galego actual, excepto no caso de "rebolo", carballo que ten nas follas unha pubescencia branca, e tamén os carballos novos.
No dicionario de Aguirre "reboira" figura como  ‘rebolta’ (camiño de volta, o máis longo).

REBOLADA, A (A Rigueira -lugar de Ventoselle)
Aínda que o dicionarios de galego rexistran "rebolada" como "golpe de rebolo", "acción de rebolar", no caso destes topónimos o significado sería o de "bosque de carballos", "arboreda". portugués actual conserva para "rebolada" este significado de "grupo de árbores" (cf. priberam).
A orixe destes topónimos está directamente relacionada co latín vulgar roboria, "carballo".

REBOREDO (Xuances)
O mesmo que "carballeda", "carballeira". A orixe é no latín robur, "carballo", co sufixo abundancial -edo.

REBORDELOS (Xuances)
Posiblemente, de "Reboredelos", diminutivo de "reboredo". Indicaría, por tanto, unha pequena carballeira. Cf. p. 1257, N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol II.  2011.

RECONCO, O (A Rigueira -lugar de Vila)
O termo "reconco" designa un "meandro" dun río. Cf. DdD.

REGA, A (A Rigueira -lugar de Vilela, O Monte, Xuances)
O termo "rega", ademais da acepción evidente de "regadura, o acto de regar",  ten outras varias acepcións, a maioría relacionadas con regatos e os vales ou cárcavas polas que discorren, así como por extensión a de "terreo pantanoso".
Tamén é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego, 
É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha raíz "paleoeuropea"  *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", cf. E. Bascuas, "VERBA", 2000 (aquí).

REGAENGA, A (Morás)
Herdade ou terra pertenecente ao rei, á coroa ou que está suxeita ao pago dun foro ou canon por lle ter pertencido. Cf. aquí.
O Nomenclator rexistra tamén un Reguengo na Rigueira, coa mesma orixe e significado.

REGATEIRA, A (O Monte -lugar das Cancelas, O Monte -lugar do Soutevello)
Aínda que non rexistrado nos dicionarios con esta acepción, o topónimo "regateira" refire a "regata" ou conxunto de "regatas", como sinónimo de "valgada".
Os dicionarios definen "regata" como "valgada", tanto na acepción de "espacio entre dous montes" como na de "regueiro pequeno". Cf. DdD.
A etimoloxía é común coa de "rego", para o que se lle asigna unha orixe na forma prerromana *rek-  (cf. E. Bascuas, "VERBA", 2000). O topónimo "regata" viría, por tanto, dunha forma *rekatta, co sufixo prerromano -atta.

REGO DA VARA, O (Portocelo -lugar de San Cristovo)
Ver "A Vara".

REGO DE BREA (Portocelo -lugar de Vilachá)
De "rego de vrea". O dicionario define "vrea" ou "verea" como "camiño, senda".


REGO DE VELLÓN (Xuances)
Termo de interpretación incerta.
Podería referir a terras pertencentes a alguén con apelido Vellón, aínda que é improbable dada a baixa frecuencia na contorna. 
Alternativamente, podemos interpretalo como de orixe paleoeuropea, dun tema *wel(l)y- derivado da raíz indoeuropea *well- ‘facer xirar’, estudada por Bascuas (cf. E. Bascuas, 1999. "Ulla, Veleia y otros derivados de la raíz indoeuropea *well- ‘hacer girar’", in Veleia 16). 

A terminación -ón reforzaría esta orixe paleoeuropea: xa indica Bascuas (e outros autores) a súa frecuencia na toponimia prerromana, con pares como Vara/Varone, Sala/Salón, Avia/Avión, Urbia/Urbión. (cf. e.g. p. 26 de E. Bascuas, 2006. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").

REGO DOS MOSQUEIROS, O (O Monte -lugar de Penas Agudas)
O termo "mosqueiro", do latín muscarium, referiría á abundancia de insectos que fan "moscar" o gado. Así o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como 'lugar onde abundan as moscas' (cf. L. Carré,  1928-1931 - DdD). 

Tamén podería indicar o contrario; así xa fora do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses "mosquera" 'paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado' (cf. J. A. Frago, "Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)" in "Archivo de filologia aragonesa XXXVIII").

REGODOLA (Portocelo -lugar de Vilachá)
Propoñemos unha orixe no 
composto  "rego de ola", ao estar localizado este topónimo nunha zona de prados. Parece probable asumir que este hidrónimo "ola" derive do tema paleoeuropeo *oll-, formado a partir da raíz indoeuropea *el- "fluír".

REGUENGO, O (A Rigueira -lugar de Pazos)
Herdade ou terra pertenecente ao rei, á coroa ou que está suxeita ao pago dun foro ou canon por terlle pertencido. Cf. DdD.
O nome provén do latín tardío regalengum, no sentido adjetivo de real, pertencente ao rei, patrimonio do rei. Como arcaísmo, significa “terra que por conquista ou confiscación era incorporada ao patrimonio real” ou tamén “foros, dereitos que, recaendo en certas terras, pertencían á Coroa” (cf. p. 452, "Grande Dicionário da Língua Portuguesa").
O Nomenclator rexistra tamén unha Regaenga en Morás, coa mesma orixe e significado.

REQUEIXO, O (A Rigueira -lugar de San Vicente)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. DdD)  ou tamén lugar apartado, nun recanto.
Segundo E. Bascuas , viría da forma prerromana *rek- presente en palabras como rego (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo".(cf. E. Bascuas, inVERBA, 2000).

RESTREBA, A (Portocelo -lugar de San Cristovo)
As "restrebas" son as couces das pallas ou canas de cereal que quedan presas á terra despois da sega.

RESTREBÍOS (A Rigueira -lugar de Pradovello)
Lugar con restrebas, as couces das pallas ou canas de cereal que quedan presas á terra despois da sega.

REVOLTA, A (O Monte)
O termo "revolta" refire a unha curva de río (cf. DdD). Tamén ten esta acepción en portugués. Cf. Priberam

RIGUEIRA, A (A Rigueira)
O termo "rigueira", ou "regueira", é definido nos dicionarios de galego como "canle por onde baixa un rego de auga" (cf. RAG), normalmente tendo o matiz de 'lugar en encosta' (cf. DdD).
O peche do "e" en "i" é usual no galego diante de sílaba "ei", como é este o caso.

ROBALEIRA, A (Portocelo -lugar de Vilachá)
O nome deste cantil tén un significado transparente: lugar onde abundan as robalizas, peixe mariño da orde dos perciformes (dicentrarchus labrax).
É frecuente a referencia a peixes na toponimia costeira, así temos a punta "Besugueira" en Burela, a foz do "Pozo dos Monxes" en Cervo, a "Punta dos Monxes" no Vicedo, a "Punta dos Mógaro" en Nois, "Punta de Anguieira" en San Cosme, etc.

ROCHA, A (Xove)
ROCHA, A (Sumoas)
ROCHA GRANDE, A (O Monte -lugar de Vilariño)
Topónimo transparente. Tanto "rocha" como "roca" son sinónimos de "penedo". É interesante ver como a toponimia testemuña o uso do apelativo "rocha", que parece ter pouco uso na fala actual da comarca, en canto que son frecuentes na toponimia.

RODEIRA, A (Xuances)
Topónimo que remite a un camiño aberto ao paso de carros. Cf. DdD.

ROLADOIRO, O (Xuances -lugar de Toimil)
Indicaría o sitio onde se rolan ou arrolan cousas.
O sufixo -doiro xeralmente indica lugar onde se realiza unha certa acción. A acción sería "rolar" ("dar voltas sobre si mesmo"), ou ben de "arrolar" ("botarse polo chan dando voltas", "mecer")

ROMEO, O (Xuances, Sumoas -lugar da Aldea de Arriba,  A Rigueira -lugar dos Cortellos)
Pode ter orixe no adxectivo "romeu", "peregrino", orixinariamente peregrino que vai a Roma, mais xa na Idade Media, peregrino a Santiago. Indicaría, xa que logo, "o agro do peregrino".
Outra interpretación sería basado no nome dun antigo posesor chamado Romeo, co cal significaría "o agro de Romeo".

Alternativamente, poden estar relacionados coa planta así chamada, que ten o nome científico de rosmarinus officinalis. No entanto, é improbábel, xa que neste caso, se indicase lugar onde abunda a planta "romeo", o normal sería que levase algún sufixo abundancial.

RONCADOIRO (O Monte)
Indicación do son producido, ben polo mar ou ben polo vento.


ROZÓN, O (O Monte, O Monte -lugar de Loureiro)
Aumentativo de "roza". O termo "roza", do latín ruptia, refire a un "(monte da) roza", monte que é rozado e cavado para o cultivo de cereal, en particular o trigo ou o centeo".

RUBÁS (Xuances)
Os topónimos "Rubiás", "Roibás" e "Rubás" teñen orixe controversa, posiblemente distintas orixes segundo o caso.
En xeral, é interpretado como "(terras) rubás", "terras de cor ruba" ("roiba", "vermella"), en oposición ás terras negras. Posibelmente indique terras barrentas, ou ben terras ferruxinosas, incluso hai quen o atrubúe á cor da flor da queiroga (as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse vermellos cando florecía a queiroga en setembro). Tendo en conta a existencia dos topónimos "Rubal", así como do apelido, coidamos que esta é a interpretación máis probable .

Alternativamente, está atestado o topónimo medieval Rubianes, que Boullón Agrelo interpreta como antropotopónimo, a partir do nome latino Rubianus (Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"). 

Alternativamente, Joseph Piel relaciona "rubiña" co verbo "rubir" ("subir"), derivándoos do latín rupes "rocha".

Alternativamente, neste caso concreto, tamén podemos interpretar este topónimo como orixinado en "terras dos Rubás", con Rubás  indicando terras pertencentes a unha familia co apelido "Rubal". 

RUBAL, O (A Rigueira -lugar de Vila)
Os topónimos Rubial, roibal e Rubal son, en xeral, interpretados como "(terra) rubal", "terra de cor ruba" ("roiba", "vermella"), en oposición ás terras negras. Posibelmente indique terras barrentas, ou ben terras ferruxinosas.
Alternativamente, neste caso podería vir de "(terras) do Rubal", indicando o apelido ou alcume dun antigo posesor do terreo.

RUBALEIRA, A (Xuances)
Podemos interpretalo como derivado de "rubal", ver a entrada "Rubal" para máis detalles.
No entanto, se reparamos na situación do lugar, a rentes da "Punta da Rubaleira", tamén podería vir derivado de "Robaleira", punta costeira onde abundan as robalizas ou os robalos, propicia para a súa pesca. En efecto, sería análogo aos casos de "Punta da Anguieira", "Punta dos Mógaros", "Punta dos Monxes", e outras moitas da costa galega.

RULÁN (Xuances -lugar de Pereiraboa)
Posiblemente de Rullani, xenitivo de Rullanus, nome de orixe latina, que indicaría o nome dun antigo posesor.

RUBIÑA, A (Morás)
Diminutivo do adxectivo "ruba", indicando a cor da terra. Ver "Rubal" para máis detalles.

SABIÑELA, A (A Rigueira)
Posiblemente de diminutivo de "Sabiña", nome persoal.

SACIDO (Portocelo -lugar de Vilachá, Portocelo)
Lugar onde abundan os salgueiros.
O Nomenclator de Galicia rexistra numerosos Sacido, como o de Covas (Viveiro) ou o do Vicedo.

SAÍÑAS (Portocelo -lugar de Vilachá)
Unha "saíña",  significaría "salina", derivado de "sal". 
É importante remarcar que o significado alternativo de "saíña" é o de diminutivo de "saa/sá" (do xermánico sala), aínda que pola situación costeira cremos sexa neste caso relacionado con "sal" e non con "saa", máxime cando se usa co sufixo abundancial "-al". 
Existe tamén "O Saiñal" en Mogor (Mañón), que parece confirmar esta hipótese.

SANDE (A Rigueira -lugar de Ventoselle)
De (agru/fundu/uilla) Sandi, forma en xenitivo de Sando,  nome do antigo posesor. Trátase dun nome de orixe xermánica, formado a partir da raíz gótica santh 'verdadeiro'. Cf. p. 334, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI.

É importante notar que, ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, supoñemos que a forma en xenitivo seguise a un agru/fundu, porén, non temos datos tampouco para rexeitar que ese lugar o teña sido antigamente a unha uilla medieval (explotación agrícola) e que tivese sido un lugar habitado.

Notar como sempre que a orixe xermánica do nome non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

SANGUIVIÑAL (O Monte)
Sitio onde abundan os sanguiños, o arbusto cornus sanguinea, que ao lle pelar a casca, queda con cor vermella, semellante ao sangue.

SEARAS, AS (Portocelo -lugar de Portocelo)
Unha "seara" ou "senra" é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado.
Ten orixe prerromana, derivada dunha forma sénara. Corominas asígnalle unha posible orixe celta, talvez de sena ara 'cultivo separado' ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. serna).
Tanto "Seara" como "Senra" son topónimos frecuentes en Galiza.

SENO DA SOMBRIZA, O (Portocelo)
Os topónimos "seno" refírense na costa mariñá, en particular en Xove, a pequenos entrantes na costa, tal como é este o caso.

SENRAS, AS (Portocelo -lugar de San Cristovo)
O mesmo que "seara", ver "As Searas".

SEIXOS BRANCOS (O Monte -lugar de Penas Agudas)
Posiblemente o significado transparente que ten, ou talvez un lugar de enterramento neolítico, ao estilo de mámoas, pero no que se recobre con seixos brancos.

SESTOS (Morás)
Posiblemente relativo á familia dun posesor chamado Sesto. Así ocorre nalgúns casos documentados. Cf. L. Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos".
Porén, tamén pode referirse ao reparto de terras a sextos.
Para Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria, sería unha "parada nun camiño".

SIMONDE (A Rigueira)
De *(agru) Simundiforma en xenitivo do nome *Segizmundus ou *Simundusque remite ao antigo posesor. 
É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Alta Idade Media.

SISTO, O (Morás)
Os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares derivan con moita probilidade do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gando", en relación a lugares de pasto. 

Podemos descartar a interpretación tradicional como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtus: dada a gran frecuencia dos topónimos  "Sisto", "Sistelos",  "Sistelo", "Sistelín" é totalmente improbable que se dese tal frecuencia de lugares con nome de tal posesor para un nome Sistus tan pouco atestado.

Por outra banda, García Arias interpreta os asturianos "Sesto" e "Sestelo" como que "parece" posible a orixe en sextellus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Desta opinión foi tamén Isidoro Millán , que indica que estes repartos ocorrerían na época sueva. Cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987. Porén, a evolución de "sextu" para "sisto", coa palatalización do "e" en "i", sería tal anomalía na evolución do galego que nos leva a rexeitar de pleno esta hipótese.

Como curiosidade, indicar que, de ser certa a interpretación de "corte para o gado", tería un significado análogo ao asignado para o topónimos "Busto", "Bustelo".

SOBEIRA, A (A Rigueira, A Rigueira -lugar dos Cortellos)
Unha "sobeira" é un alpendre, chabolo ou cobertizo.

SOBORPOSTA (A Rigueira)
Lugar situado "sobre da posta".
Unha "posta" era un lugar de parada situado nas estradas e camiños, onde antigamente remudaban os cabalos das dilixencias, correo etc. 

SOUTO, O (varios)
Do latín saltum, orixinariamente era "paso estreito entre montañas, rexión forestal ou bosque situado nun desladeiro"; despois pasou as significar "bosque de castiñeiros e por veces de carballos". 

A importancia da castaña na alimentación en Galiza era máxima até a introdución da pataca, talvez por iso a abundancia dos topónimos "souto" en Galiza. 

SOUTULLO (Portocelo -lugar de Vilachá)
Forma derivada de "souto", co sufixo diminutivo-despectivo -ullo (do latín -uculum), presente noutras voces como pedrullo (cascallo) ou cadullo (latín capituculum), así como en topónimos como "Montullo". 
O dicionario de Eladio Rodríguez recolle de feito "soutullo" como "souto pedregoso formado por altibajos y desigualdades".
O termo souto no galego actual (e mais en portugués) significa "bosque de castiñeiros e por veces de carballos". Ver "SOUTO" para máis detalles.

SUMOAS (Sumoas -lugar da Aldea de Arriba)
Probablemente composto de "su moas", indicando a situación debaixo das "moas", montes ou penas con forma de "moa".
No entanto, non se pode afirmar con rotundidade, xa que o uso co artigo, "As Sumoas", parece ir en contra desta hipótese, xa que se a orixe fose esa, nunca levaría diante o artigo diante da preposición "su".
No século XVIII atopámolo atestado xa como "Sumóas" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

TAFONA, A (Xuances -lugar de Fontao, Xove -lugar de Xove)
O termo "tafona" designa un "muíño de fariña movido por animais de tiro (burro ou múo)". É unha palabra arábiga, das poucas patrimoniais que conserva o galego. Deriva do árabe tahuna "moa do muíño; muíño".
Outro significado é o de lugar onde se coce e vende o pan, mais o máis probable é a outra acepción.

TARANCO, O (O Monte -lugar do Soutevello)
O termo "taranco" é de orixe prerromana, posiblemente céltica (cf. aquí), e inclúe os elementos *tar- "altura" e *-anc-, locativo. Tería, xa que logo, orixinariamente un significado de "lugar situado no alto".

TAROLO, O (A Rigueira -lugar de San Vicente)
Podería indicar o alcume dun antigo posesor. Así, "tarolo" significa "irreflexivo".
Porén, a transcrición fonética que indica a Xunta (por disgraza non sempre fiable) indica que os dous "o" serían pechados, /tarôlo/. Se este for o caso, tería un significado distinto, talvez derivado de "toro" ("tronco"), tal como o nome idéntico en portugués. Cf. Priberam.

TAUGAS, AS (Lago)
Tauga é unha forma de "táboa", posibelmente indicando un terreo chan e cadrado. Deriva do latín tabula > taboa > *tagua > tauga.

TEIXIDE (Lago)Este topónimo, o mesmo que "teixido", alude a un lugar no que abundan as árbores chamadas "teixos (do latín taxu). 
O sufixo abundancial en -ide fronte aos máis comúns -edo e -ido, é frecuente nesta zona, onde atopamos sacide, pedride, mexilluíde.

TELLEIRA (Lago, Xove)
TELLEIRA DE ABAIXO (Portocelo -lugar de San Cristovo)
TELLEIRA DE ARRIBA (Portocelo -lugar de San Cristovo)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.

TOIMIL (Xuances)
De (uilla) Theudemiriforma en xenitivo de Theudemirus nome do antigo posesor. É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

TORNA DO CABO, A (Sumoas -lugar da Lagoela)
TORNA PEQUENA, A (O Monte -lugar de Vilariño)
TORNAS, AS (O Monte -lugar das Cancelas, Portocelo -lugar das Canelas)
TORNO, O (O Monte -lugar de Penas Agudas, O Monte -lugar de Soutevello)
Os topónimos "Torna", "Torno" e "Retorno" serían, polo xeral, de orixe prerromana, hidrónimos cun significado de "chorro de auga", derivados da raíz indoeuropea *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

TORRE, A (Lago, Sumoas -lugar da Aldea de Arriba)
O termo "torre" nestes topónimos non se refire estritamente a torres, senón a casas fidalgas ou casas grandes, de labradores ricos.

TORRILLÓN, O (A Rigueira)
A priori, o termo tería derivado de "torre", e podería ter sido unha torre de vixilancia, ou ben restos de castro... E de feito, existe o "Castro do Torrillón", que sería xa que logo unha suposta tautoloxía, fenómeno relativamente frecuente na toponimia.
Na Mariña hai outro Torrillón nas Negradas (O Vicedo), que non parece corresponderse con ningunha antiga torre nin castro, e que lle asignamos por iso unha raíz prerromana *tur-.
Alternativamente, atrevemos a asignarlle unha orixe prerromana, de algo similar a *tur(r)ilione. En efeito, non somente a raíz prerromana *tur-, é frecuente na toponimia peninsular, senón tamén o elemento -il-. Ademais, o sufixo -ón corresponde en moitos casos coa fixación de voces prerromanas (cf.  aquí:  F. Villar, "Estudios de celtibérico y de toponimia prerromana"). A favor desta hipótese, lembrar topónimos análogos noutros lugares da Península, como varios "Torrija(s)", que ninguén deriva do famoso postre.

ULLEIRO, O (Xuances -lugar de Prada)
Un "ulleiro" defínese no dicionario como "lugar onde nace a auga", "manancial en sitio chan", "pántano". Cf. DdD.

UZAL, O (A Rigueira)
O apelativo "uzal" indica un lugar no que abundan as uces (cast. "brezo"). Noutras zonas chámase "barcial" (de barcia) Cf. DdD

VARA, A (Xuances)
O nome deste núcleo de poboación é de orixe prerromana. Bascuas e outros autores derívano da forma hidronímica *war-, a partir da raíz indoeuropea *awer-, 'auga, mollar, chover, fluxo'. Cf. p. 91 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

VEDRANCO, O (Morás)
VEDRO VELLO, O (A Rigueira -lugar do Torrillón)
O termo "Vedrando" é un derivado de "vedro".
Xeralmente, "vedro" proviría do latín veterum "vello". No entanto, nestes casos, posiblemente corresponda á outra acepción, a de "monte de rozas, que se cava para despois cultivalo con trigo ou centeo". Non podemos descartar tampouco que nalgún caso proveña do latín blituma planta amaranthus blitum, chamada "bredo" ou "bedro". Nótese que, neste segundo caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado". Nótese a existencia de "Vedrido" no concello.
Como sempre, a documentación antiga axudaría a clarexar a orixe.

VEDRIDO (Xuances)
Lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitum, a planta Amaranthus blitum.

VEDROS, OS (A Rigueira, Portocelo, Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo, Portocelo -lugar de San Cristovo, Morás -lugar da Aldea de Abaixo)
Aínda que, xeralmente, "vedro" proviría do latín veterum "vello", nestes casos posiblemente corresponda á outra acepción:  "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo".
Non podemos descartar tampouco que nalgún caso proveña do latín blitum, a planta Amaranthus blitum, chamada "bredo" ou "bedro". Nótese que, neste segundo caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado". Nótese a existencia de "Vedrido" no concello.
Como sempre, a documentación antiga axudaríanos.

VEIGA MOL (O Monte)
A orixe do termo "Mol" é incerta neste caso. Podería provir de 
Mauri, xenitivo de Maurus, nome dun antigo posesor.
Alternativamente, pode ser o significado transparente do adxetivo mol, cualificando as características da veiga en cuestión.
Hai outro "Veiga Mol" en Vilacampa (O Valadouro).

VELLÓN (Xuances)
Ver "Rego de Vellón".

VELA, A (Morás)
Probablemente, no caso deste pico, "vela" signifique "centinela", indicando un "posto de vixilancia". 
Existe unha grande cantidade de topónimos "Pena da Vela", "Monte da Vela", que parecen confirmar esta orixe. 
Descartamos, pola razón anterior, e para este topónimo, asignarlle a mesma orixe que Nicandro Ares propón para outra "Vela", derivándoo do antropónimo xermánico Vegila. Tampouco tería unha evolución clara se ese fose o caso.

VENTOSELLE (A Rigueira)
Derivado de (uilla) Uendosildi, forma en xenitivo de Uendosildus, o posesor medieval da uilla (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica. Dada a coincidencia formal que tería no resultado final, puido ser unha posesora chamada *Uendosildi
O nome deriva da típica formación bitemática xermánica, neste caso a partir do tema vened-, do protoxermánico *wenedaz "escravo" e do tema -ildi de *heldjō "batalla" , con infixo -s- (tal como ocorre en Regisille, Vistresille, etc).
É de notar que ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, supoñemos que a forma en xenitivo seguise a un agru/fundu; no entanto, tampouco se pode rexeitar a priori que ese lugar tivese sido unha uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola).
O Nomenclator rexistraoutro Ventoselle en Covas (Viveiro).

VESURA, A (O Monte)
É un topónimo moi abundante en Galiza, aínda que con significado incerto.
Posiblemente derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego" (cf. RAG).
Alternativamente de "avesura", relativo a lugar vesío.

VIDUÍDO (O Monte -lugar de Loureiro)
Lugar onde abundan os bedueiros.

VILAPOL (Portocelo)
De Uilla Pauli, referindo a unha uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) dun posesor chamado Paulus.

VILAR (Lago)
VILAR, O (O Monte -lugar de Loureiro, Xuances -lugar de Reboredo, Morás)
VILARIÑO, O (O Monte)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia". Cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)".  
É posíbel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados. 

Viterbo interpreta as referencias medievais a "Vilar" e "Vilariño" como "predio rústico e de terreo delimitado, herdade pequena, insignificante casal" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798; s.v. "villula").
Na actualidade, os dicionarios definen "vilar" como "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". 
Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de L. Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito". Cf. DdD.

VILELA (A Rigueira)
Diminutivo de "vila", usando o antigo sufixo diminutivo -ela. Aquí o apelativo vila referiría a unha uilla altomedieval, unha explotación agrícola.

VISO, O (A Rigueira -lugar dos Cortellos, Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
Un "viso" é "un sitio alto, sitio elevado". Cf. DdD.

XAMPALEU (Morás)
XAMPENADO (A Rigueira -lugar dos Cortellos)
Formas compostas que aluden aos antigos posesores dos predios, "Xan Paleo" e "Xan Penado" respectivamente.

XANARDE (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
Topónimo que sen dúbida remite ao nome do posesor altomedieval dunha uilla (granxa, casal, explotación agrícola).
O nome en concreto xa é máis controverso. O máis probable é que proveña de Geneuardus, da forma en xenitivo *(uillam) *Geneuardi.

En efecto, Miguel Costa mantén esta hipótese, apoiándose en varios argumentos de peso, entre eles o feito de conservar o -n- intervocálido, polo paso *Geneuarde > *Genuardi*Gennardi (tal como ocorreu con Januario > Xaneiro). Outro argumento importante é que se proviñese de Ianardus, de orixe franca, aparecendo a partir do s. X, sería raro nunha formación en xenitivo, o cal de feito non ocorre con outros da mesma orixe como Bernardo (cf. M. Costa, blog Nominaeorum).

Por outro lado, non se pode excluír totalmente a orixe en Ianardi. O antropónimo Ianardus sabemos que ten orixe franca, e que está atestado a partir do século X (cf. A. Boullón, 1998. "A influencia franca na onomástica medieval galega").

Finalmente, Edelmiro Bascuas postulou que os topónimos Xanarde (e o portugués Janarde), e Xanaz virían dunha mesma forma prerromana que xeraría estes dous nomes persoais (E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").

XANCAO 
(Morás -lugar da Aldea de Arriba)
XANCORVO (Xuances)
XANLEDO (Xuances)
XANVELLO (Xuances)
Terreo pertencente, respectivamente, a Xan Cao, Xan Corvo, Xan Ledo e Xan Vello.
O apelido "cao" significa "cano", de pelo branco.

XARAL, O (Lago)
Terras de "xabre" (unha terra areosa dura, xeralmente formada pola descomposición do granito). Na comarca, existen outros "Xaral": nas Negradas, nas Grañas do Sor, etc.

XIMARÁ (Xuances -lugar de Reboredo)
Xa Piel e Kremer, tamén Navaza, interpretan estes topónimos como orixinados en Wimarana (de Wimarus),  sendo a estraña evolución do fonema inicial, que fixo que fose interpretada como unha posible ultracorrección dunha pronuncia "Ghimará", con gheada. No entanto, como indica Boullón Agrelo, estes topónimos ocorren tamén en áreas lonxe da zona con gheada, e non se dá en moitos outros topónimos similares (cf. A. Boullón "A gheada na onomástica (achegas á estandarización)", Estudos de lingüística galega, 2012, nº 4).

Existen múltiples Ximará, como en Alfoz, e moitos topónimos similares, como Ximarás en Muras, Alfoz e Cospeito, Ximarei en Cospeito, Xemaré en Xermade

XIMARREIRAS, AS (Sumoas, Xove)
Tendo en conta que os dous topónimos "As Ximarreiras" corresponden a ladeiras ou encostas, aventuramos un significado relacionado con "sima", no sentido de "precipicio".
No caso do topónimo "A Ximarreira", en Galdo,  parece confirmar esta acepción de "ladeira", ao estar localizado preto dun terraplén.

XOVE (Xove)
Tradicionalmente vénse interpretando "Xove" como orixinado a partir dunha *(uilla) Iouii, forma en xenitivo de Iouius, referindo ao posesor medieval da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola).
A favor desta hipótese estaría que nome Iovius foi usado como nome persoal no imperio a partir do século IV. A forma derivada Iovinus tivo certa frecuencia na onomástica do noroeste hispánico. De feito, hai varios núcleos de poboación chamados "Xubín", derivados de *(uilla) Iouini, e igualmente, na Fonsagrada, hai un "Vilarxuvín", de uillare Iouini. 

Porén, é difícil pensar nunha mera coincidencia atopar no mesmo concello dúas parroquias con nomes cercanos, como son "Xove" e "Xuances". Xa que logo, pódese pensar nunha serie hidronímica á que pertencerían Xove, Xuvia, Xubias, Xuances, Xuanzo tal como indicamos de seguido.
En efecto, para Xuvia, e tamén para Jubera (A Rioxa), J. Moralejo postulou a posibilidade dunha orixe na raíz *yeu- 'confundir, mesturar', talvez no sentido de "confluencia de correntes" (cf. p.72 de J. Moralejo "Hidronimia prerromana de Gallaecia", in "Onomástica Galega"). 
Seguindo esta interpretación, como mera hipótese, para Xove, que proveña dun hidrónimo similar a *yeu-upe, de orixe paleoeuropea, talvez compartindo orixe para o mesmo elemento inicial co río Xuvia  e con "Xuances".
O segundo elemento proposto, *-upe 'río', sería o mesmo que o atribuído ao río "Eo",  para o que Bascuas deriva dun tema nominal *oiw-upe (cf. p. 194 e ss. de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

Existe tamén "Xove Novo" e "Xove Vello" en Labrada (Guitiriz), e así mesmo unha parroquia chamada Xove, no concello asturiano de Xixón.

XUANCES (Xuances)
O nome desta parroquia é un topónimo antigo, de orixe prerromana. A orixe concreta é difícil de precisar, habendo varias hipóteses.
Está atestado xa no 1286 como "ual de Juanses" (cf. ITGM). Ou sexa, que Xuances era o nome do val no que está asentado.
Coido que non é mera coincidencia que no mesmo concello atopemos como nomes de parroquias  "Xove" e "Xuances". Pódese pensar nunha serie hidronímica, a partir da raíz *yeu- 'mesturar', á que pertencerían Xuances, Xuanzo, Xove, Xuvia, Xubias. A sobredita mención ao "val de Xuances" reforzaría, talvez, esta ligazón hidronímica.
Para máis detalles, ver a explicación indicada para "Xove".
Por outro lado, Miguel Costa interpreta Xuances e Xuanzo como formas derivadas do céltico *yowanko- 'mozo, novo' (ver blog frornarea para máis detalles).

XUGADOIRO (Xuances -lugar de Reboredo)
O xogadoiro era unha "praza que acostumaba a estar no centro das aldeas na que acostumaban celebrar xogos". 
Hai outro "Xugadoiro" naNegradas (O Vicedo).

XUIA, A (Xuances, Sumoas)
Este topónimo posibelmente  teña orixe prerromana,
 formando parte da hidronimia "paleoeuropea", 
derivado dunha forma *yuwya, a partir da raíz indoeuropeas *yeu- 'mesturar, poñer en movimento', 
Aínda que non foi incluído por Bascuas no conxunto de topónimos derivados da indicada raíz, si o foi o topónimo similar "Xuio". Cf. p. 340 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

ZAPICOS (A Rigueira -lugar de Vila)
Interesante topónimo, con forma que semella ter orixe  prerromana. 
Sendo unha zona de prados, pode estar relacionado coa orixe hidronímica dos topónimos "Zaipa" e Zapia (Barreiros), para os que  postulamos unha orixe nun *Sal-ap-p-ya 'charca, arroio da charca, lagoa', derivandoa da raíz indoeuropea *sal- 'sal, auga estancada' e máis  a forma *ap- 'auga, río' (para máis detalles, ver  entrada Zaipa  no blog "Pena da Cataverna").

O topónimo "Zapicos" non sería máis que a forma Salappya indicada para Zaipa, co sufixo prerromano -icco. Ou sexa, de *Salappiccos, a partir do que, coa evolución normal no galego, daría Zapicos.
Hai tamén atestado "Salappio" en Italia, totalmente correspondente coa orixe postulada para "Zapico", aínda que no noso caso engade o sufixo indicado -icco.
No entanto, é importante notar que, sendo un topónimo menor, do cal descoñecemos calquer documentación ou historia, podería simplemente indicar a pertenza a unha familia apelidada Zapico.

ZARROLLOS (A Rigueira)
Aínda que o termo "zarrollo" figura no dicionario como variante de "ferrollo" ou "cerrollo", "pasador", semella difícil entendelo nun uso toponímico.
Unha interprretación máis probábel sería pensar nun hidrónimo de orixe prerromana. En efecto, o filólogo E. Bascuas interpretou topónimos similares, como "Zor", "Zarrulo" ou "Zarracín", como posibelmente de orixe paleoeuropea,  derivado dunha da raíz indoeuropea *kei- 'cor' (xeralmente escura). Cf. p. 308 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.


5 comentarios:

  1. Impresionante traballo. Pero non se sabe nada acerca do topónimo de Xuances? Nin unha posible relación co de Suances cántabro? Un saúdo!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Faltárame de comentar: incluín xa Xuances. En canto á pregunta de Suances: Xuances está atestado como Iuances en 1256, en canto que para "Suances" cántabro, atopamos no ano 870 "... in Soancies ab omni integritate...". tentador asocialos, semella que non, dada a orixe que indicamos para Xuances (ver blog)

      Eliminar
  2. Prezado Artur, moitas grazas polo teu comentario e pola túa pregunta.
    Canto a Xuances, trátase sen dúbida dun topónimo de orixe prerromana, moi probablemente de orixe indoeuropea, quer céltica ou pre-céltica.
    Porén, non teño unha orixe concluínte. No entanto, é un topónimo para o que si podes atopar estudos, algúns moi ben elaborados, por expertos en toponimia, tal como podes atopar na páxina de Cossué: http://frornarea.blogspot.com.es/2014/11/xuanzo-xuances-ledono.html
    Saúdos cordiais
    Xosé

    ResponderEliminar
  3. 'Sapico'*: É unha ribeira por sur da illa Pequena de Sisargas, no Concello de Malpica de Bergantiños. Esta Ribeira de Sapico está separada do resto da illa por unha pequena manga de auga que recibe o nome de "A Cortada de Sapico".

    * Malpica foi zona de seseo ata finais do século XIX.

    Espero que este comentario che axude para ampliar o coñecemento do voso "zapicos".

    ResponderEliminar